Preparan unha serie interactiva galega para televisión, teléfono e Internet

venres, 3 de xullo do 2009 Marcus Fernández

Olalla Sánchez dá a coñecer no seu blog que as irmás Sonia e Miriam Albert Sobrino, gañadoras do primeiro premio de animación da pasada edición do Festival Curtas na Rede pola súa peza Caligarismo, están a traballar en Ignoto, unha serie para Internet, televisión e teléfono que podería estrearse en decembro e que naceu inicialmente coma proxecto de fin de carreira de Comunicación Audiovisual (UDC) pero que agora busca converterse nunha das primeiras producións interactivas e profesionais rodadas en Galicia.
O proxecto busca que o espectador poida elixir o camiño que tomará a protagonista, a moza Susana Sampedro, episodio tras episodio, facendo ao público cómplice da historia, que tamén contará cunha versión tradicional.
Polo momento Ignoto conta xa cun episodio piloto gravado en A Coruña, Culleredo, Arteixo e A Estrada, para o que contaron coa colaboración de actores coma Xavier Estévez, Iván Marcos, Mariana Carballal e Roberto Tonecho Gómez.

PUBLICIDADE