Preparan o lanzamento en galego dun programa aberto para facilitar a navegación de cativos autistas

mércores, 9 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

Sabíamos que certos animais (cans, loriños, focas e demais) tiñan capacidades innatas para axudar ás nenas e nenos autistas a mellorar a súa calidade de vida e un contacto máis preto co mundo, pero se cadra non estaba tan claro potencial das novas tecnoloxías da información. Segundo se informa estes días na web do PEGSI e máis na de Galicia Hoxe, este novo labor social da Internet (ou mellor dito, dos internautas) é xa unha realidade en países como Estados Unidos e estaría a piques de selo tamén na nosa terra. Isto sería posible grazas á tradución ao galego dun software que xa foi probado nun ámbito familiar ben concreto daquel pais, máis concretamente entre un informático de Las Vegas e o seu neto autista. A finalidade deste programa, chamado Zac Browser, non é outra que a de contribuír a evitar que o cativo se peche máis en si mesmo a medida que medra e, amais diso, favorecer o seu contacto cos máis innovadores recursos tecnolóxicos, importantes para a súa formación presente e futura.
O caso é que o potencial deste desenvolvemento, que é software libre (e polo tanto está cen por cen dispoñible na Rede para a comunidade internauta que queira melloralo ou adaptalo ás súas necesidades), radica basicamente no seguinte: en terlle quitado á Rede e ó feito mesmo da navegación a maior parte do que lle sobraba, que é moito. Entre outras cousas, cores, publicidade, xanelas emerxentes, etc (se iso pode chegar a ser molesto para un internauta común, máis aínda para un cativo autista). O caso é que John LeSieur (responsable do programa) foi quen de lanzar un navegador web específico para o seu neto que favorecese a exposición dos datos do xeito máis limpo posible. O feito de que este software sexa libre e estea a disposición dos internautas fixo máis doada a súa localización dende Galiza. Neste intre, segundo informa Galicia Hoxe, está a ser traducido á nosa lingua polo enxeñeiro Iago Seara e co apoio de Tadega.

PUBLICIDADE