Preparan a segunda convocatoria de axudas para acceder á Rede por satélite en zonas con problemas de cobertura

martes, 16 de xullo do 2013 Redacción

Esta mañá, o director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), Antonio Crespo, formalizou a colaboración cos operadores Duo Telecom, Eurona, Quantis e Terrachá Technology, que a través da sinatura dun convenio participarán na segunda convocatoria de axudas para contratar Internet vía satélite dende fogares e PEME de zonas con dificultades de cobertura. O prazo para que cidadáns e PEME poidan solicitar as axudas abrirase unha vez se publique no DOG a relación de entidades colaboradoras seleccionadas.
O programa conta este ano cun investimento de 359.000 euros e permitirá achegar a banda larga a case 2.400 fogares e PEME que non dispoñan de acceso á banda larga de cando menos 2 Mbps, mediante outra tecnoloxía.
Os beneficiarios das axudas serán fogares e empresas con enderezo en Galicia que non dispoñan de acceso á Rede, de cando menos 2 Mbps, mediante outra tecnoloxía. O programa establece unha única subvención por enderezo destinada a sufragar os gastos de instalación así como o custo do equipamento do interior da vivenda ou empresa preciso para distribuír a sinal de banda larga, cunha contía máxima de 150 euros e condicionado á contratación dun servizo de cando menos 2 Mbps cun período de permanencia de doce meses.

Mar Pereira (AMTEGA) deu conta da nova convocatoria de axudas

As entidades colaboradoras ofrecen servizos de internet vía satélite de ata 20 Mbps de velocidade de baixada ao abeiro desta convocatoria. A alta de liña e o importe da tarifa do primeiro mes será asumido pola entidade colaboradora e, por tanto, gratuíto para os beneficiarios.
Esta medida, que tivo unha primeira convocatoria en 2012 da que se beneficiaron preto de 700 usuarios, é unha das actuacións do Plan de Banda Larga da Xunta para facilitar o acceso a internet a todos os galegos. O investimento total das axudas é de 1.077.000 euros ata 2014 para dotar de cobertura a máis de 5.400 fogares e empresas das zonas da Comunidade máis illadas, dispersas e de orografía complicada, onde o acceso a Internet só é posible vía satélite.

PUBLICIDADE