Premios en Galiciencia a un programa de TV e a un videoxogo sobre aeronáutica

xoves, 11 de maio do 2023 S. P.

A feira científico-tecnolóxica Galiciencia que se celebra até este venres 12 no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) baixo o lema Aeronáutica e Aeroespacial, incluíu na xornada deste xoves a final do Desafío científico Atrévete coa Aeronáutica!, no que durante os últimos meses participou alumnado desde 4º de Primaria a Bacharelato de toda Galicia de xeito online. Foron un total de 521 rapaces e rapazas de 34 centros educativos diferentes.

O equipo Los Dragones

O gañador na categoría de Primaria foi o equipo Los Dragones de la Ciencia, integrado por Sara, Mateo e Nehuén, do Colexio Maristas de Ourense. Presentaron un programa de televisión no que unha reporteira entrevistaba a un científico. “Queriamos amosar, de maneira amena e divertida, as preguntas que ao longo destes meses nos fomos facendo en relación á aeronáutica e aeroespacial, aportando información e fotografías do Centro Astronómico da Veiga”.
Na categoría de primeiro a terceiro de Educación Secundaria gañou o equipo Andrómeda, do IES Val Miñor de Telleiras (Pontevedra), formado por Pablo, Brais e Arantxa. Partiron dun videoxogo para amosar a carreira do home por conquistar o espazo, a través do reto marcado entre un humano e un extraterrestre. “Non esperabamos chegar á final, só queriamos divertirnos”, manifestaron todos os membros do equipo.

O equipo Lóxicos e Defusos

Pola súa parte, na categoría de cuarto de Secundaria a Bacharelato gañou o equipo Lóxicos e Defusos, do IES Isaac Díaz Pardo de Sada (A Coruña). Son Eva, Sara e Roque. Presentaron os diferentes tipos de satélites que existen e as utilidades de cada un como os meteorolóxicos, astronómicos, de comunicación, de navegación… ata os solares e os espías. “Nós tiñamos moitas dúbidas sobre a función dos satélites e pensamos que habería moita xente como nós e por iso decidimos resolver esas dúbidas”.
Obradoiros
O alumnado de Secundaria, Bacharelato e FP está a participar en tres talleres diferentes. Baixo o título Por que son tan diferentes os deseños dos avións?, están a construír modelos dun F-22 Raptor e dun C5-B Galaxy. Empregando ferramentas de enxeñaría, investigan como a forma da súa estrutura axuda a determinar a función dun avión.
No obradoiro A conquista da atmosfera a rapazada coñece como o home tivo que adaptarse a un novo medio cando comezou a voar, saber como respirar, como vencer o frío, como orientarse… A partir de materiais sinxelos “ven” turbulencias como as que se senten a bordo dun avión.
No taller Life jacket is under your seat! o alumnado comproba como ao longo da historia os seres humanos foron adaptando as súas necesidades de movemento á tecnoloxía dispoñíbel. Descobren que a locomoción e o transporte consumen a maior parte das reservas de enerxía de orixe fósil e como, ante as evidencias do cambio climático, cómpre investigar novas formas de mobilidade, achegándose aos modelos de transporte máis eficaces.
Ademais, a rapazada de Secundaria e Bacharelato que expón os seus proxectos na feira está a participar no taller A aventura de voar, que se desenvolve na Aula Newton Galicia instalada en Tecnópole. O obxectivo é que teñan a oportunidade de descubrir o mundo da navegación aérea utilizando simuladores de voo profesionais.
Espectáculo de ciencia
Na mañá deste xoves 11 celebrouse un novo espectáculo científico. O propósito desta experiencia foi que os máis novos descubrisen que a ciencia pode ser atractiva e divertida para todos, intentando provocar na rapazada unha reflexión sobre a súa importancia. Baixo o título Ata o infinito… e máis aló, amosouse como a historia da aeronáutica é a historia da evolución da tecnoloxía e do coñecemento da humanidade.
O vicepresidente Francisco Conde fará a entrega de premios
A feira remata este venres 12 coa entrega de premios, da man do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, ás 13:15 h. O primeiro premio está dotado con 1.000 €, o segundo con 500 e o terceiro con 200. Ademais, premiarase a mellor comunicación e presentación oral, o proxecto máis innovador, o proxecto co método científico e proceso de investigación mellor definido, o mellor proxecto da temática Aeronáutica e Aeroespacial e o liderado por unha nena e/ou relacionado con iniciativas que contribúan á igualdade de xénero no contorno da I+D+i. Haberá un premio especial para a mellor proposta na categoría de FP; e galardoarase o proxecto coa mellor valoración popular, elixido entre todos os participantes na modalidade online.

PUBLICIDADE