Premio Greenweekend para unha ferramenta dixital galega que optimiza o rendemento das parcelas forestais
venres, 27 de outubro do 2017
- De esquerda a dereita, José Luis Gude e Siro González, na final da Greenweekend celebrada na Coruña
O proxecto de negocio SmartWood xurdido ao abeiro
da USC vén de obter un importante recoñecemento estatal en materia
de innovación: o primeiro premio da Greenweekend
que promove o portal de emprego Enviroo para visualizar, distinguir e
impulsar as máis relevantes propostas do ámbito das tecnoloxías
verdes. Segundo nos lembra a Universidade de Santiago, SmartWoord vén
da man do investigador de doutoramento do Campus Terra José Luis
Gude (Escola Politécnica Superior de Enxeñaría) e
trátase dunha ferramenta dixital que ofrece aos usuarios
asesoramento e axuda para o optimizar o rendemento de parcelas
forestais. No certame de Greenweekend acabado de resolver
participaron arredor de 30 emprendedores do sector ambiental
interesados no desenvolvemento de proxectos que contribúan a
dinamizar a chamada economía verde.
Máis polo miúdo, o proxecto SmartWood consiste
nunha ferramenta dixital baseada en sistemas de información
xeográfica e datos recollidos por drons que axuda a unha
planificación forestal “máis eficiente e sustentábel”. A
iniciativa, que vén colleitando outros recoñecementos dende a súa
orixe, tivo ocasión de fortalecerse e coller pulo ao abeiro de Yuzz
Lugo, o programa-palestra de emprendemento do Banco Santander
desenvolvido en colaboración coas universidades (neste caso concreto
a de Santiago).
Segundo indica Gude, trátase dunha aplicación
tecnolóxica feita a medida dos propietarios de parcelas forestais,
con capacidade para mellorar o rendemento económico das fincas ao
xeito dun asistente interactivo. Neste senso, SmartWood ofrece
recomendacións e información sobre cales son as plantacións máis
rendíbeis para cada parcela, complementando este servizo dun mercado
dixital (marketplace) que xunta produtores e empresas
dos servizos forestais.
O proxecto SmartWood, xerminado inicialmente por
Gude, é agora unha startup en fase de
constitución, impulsada por José Luis Gude con Begoña L. Castro e
Siro González Rodríguez, dous emprendedores cos que coincidiu na
edición do programa Yuzz Lugo deste ano.