Premian unha tecnoloxía de Disney Research que facilita a transmisión de mensaxes de son por contacto

luns, 16 de setembro do 2013 Marcus Fernández

O laboratorios en Pittsburgh de Disney Research desenvolveron unha curiosa solución tecnolóxica que vén de recibir unha mención honoraria na categoría de arte intereactivo no Prix Ars Electronica 2013, unha competición internacional de arte electrónico. A creación de Disney Research recibiu o nome de Ishin-Den-Shin, que vén a significar telepatía en xaponés, e consiste nun micrófono no que pode gravarse unha mensaxe que poderá reproducirse empregando o corpo de quen o suxeite como auricular, de xeito que se a persoa que sostén o micrófono coloca un dedo sobre o ouvido dunha segunda persoa, esta poderá escoitar dun xeito privado a mensaxe gravada.
O Ishin-Den-Shin está formado por un micrófono conectado á tarxeta de son dun ordenador, de xeito que colle o que di alguén e convérteno nun son reproducido en bucle. A gravación convértese nun sinal inaudible de pouca intensidade e alta voltaxe que circula por un delgado cable conectado ao exterior do micrófono, creando un campo electrostático modulado ao redor do corpo da persoa que sostén o micrófono, de xeito que transmítese a outra persoa por contacto formando unha especie de altofalante.
Aínda que o uso práctico deste tipo de tecnoloxía é polo momento anecdótico, cunha utilidade moi limitada, a exploración de tecnoloxías alternativas para a transmisión sonora resulta bastante produtiva, permitindo dende crear sistemas de comunicación militares como solucións para facilitar a percepción do son a persoas con deficiencias auditivas.


Vídeo de presentación da tecnoloxía Ishin-Den-Shin

PUBLICIDADE