Premian á web da película Heroína

xoves, 14 de decembro do 2006 Marcus Fernández

O XIII Premios de Publicidade en Galego convocados polo Consello Asesor de Radio Televisión Española en Galicia recoñeceu á páxina web oficial da película Heroína como a mellor acción publicitaria en galego na Internet.
Jaime Arregui, director comercial de Interacción (empresa responsable da devandita web) recolleu o galardón acompañado por Pancho Casal, presidente de Continental (produtora da longametraxe) nun acto celebrado en A Coruña.
Interacción xa recibira o mesmo premio na pasada edición, en tal ocasión pola súa labor coa web da empresa téxtil Caramelo.

A película

Heroína é unha película ambientada en Galicia que trata o tema da drogadición e as súas consecuencias. Contou coa dirección de Gerardo Herrero e con Adriana Ozores coma protagonista.
Narra o enfrontamento dunha muller contra o poder e a sociedade, relatando a loita dunha nai que fixo cambiar o xeito de entender a problemática da adición ás drogas e o narcotráfico.

A web

A páxina oficial da película marcou a forte aposta pola Rede como medio de comunicación e soporte publicitario que fixeron os responsables da obra, de xeito que cun deseño áxil e atractivo incorporaban ampla información sobre a película e o seu equipo. Tamén estaba aberta ós comentarios dos afeccionados.

PUBLICIDADE