Premiada unha tecnoloxía que permite traballar en experimentos dende o fogar

xoves, 20 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

Os recoñecidos no certame xunto aos promotores do mesmo, nunha imaxe de Actualidade Universitaria

Unha das vantaxes das redes é que podes levar contigo o traballo. Claro que isto é aplicable só a un determinado tipo de tarefas, xeralmente as ligadas ao coñecemento (difícil cavar regos a través do computador), pero dun tempo a esta parte semella que a marxe de manobra está sendo obxecto de ampliacións. Estas melloras nas posibilidades de traballo e investigación a distancia son a base da iniciativa recoñecida na VI edición do Premio UD-Banco Santander: o traballo de arquitectura web 2.0 para laboratorios remotos, WebLab_Deusto 3.0. A achega, que vén da man do departamento de I+D do mesmo nome, consiste no fornecemento de tecnoloxía web 2.0 para permitir labores de investigación científica dende emprazamentos externos, incluíndose neste eido o propio fogar do axente innovador.
O traballo gañador está dirixido por Javier García Zubia e senta os alicerces dun WebLab para as vindeiras xeracións, tamén chamado iLAB, ou como se dixo antes, un laboratorio remoto sen máis. Trátase dunha infraestrutura que mestura equipos físicos de informática, software e estratexias didácticas para permitir que un alumno ou usuario complete experimentos (electrónicos, eléctricos, mecánicos) dende a súa casa coma se estivera fisicamente no laboratorio clásico ou presencial. En realidade, a proposta non é cen por cen nova, coma case nada da innovación TIC. Os primeiros laboratorios desta índole foron postos en marcha en 2000, pero con algunha que outra diferenza. Daquela, as infraestruturas buscaban sobre todo acadar un acceso a distancia aos traballos que se estaban a desenvolver, pero non se lograron nin a eficacia nin a seguridade requiridas.
O proxecto WebLab-Deusto 2.0”, informan os responsables do certame tecnolóxico, “é un paso máis para avanzar no pulo á arquitectura 2.0, enmarcándose na area de TICs da educación en ciencia e enxeñería e no servizo WebLab-Deusto, que arrincou en 2003”.
Por certo que o Premio UD-Banco Santander incluíu tamén un accésit para o proxecto Detección de malware mediante métodos de recuperación da información, unha achega que contribúe ao localizamento e eliminación eficaz de novas variantes de virus. Este traballo, desenvolvido polo equipo que dirixe Pablo García Bringas, mestura algoritmos que posibilitan a detección de software pernicioso mediante a aplicación de técnicas de information retrieval (recuperación dos datos), realizándose unha análise de enxeñaría inversa que descompón calquera aplicación informática nos seus compoñentes miúdos para de contado avaliar o seu comportamento e estimar un nivel de risco.

PUBLICIDADE