Predicións do tempo á carta grazas a MeteoGalicia e o CESGA

venres, 27 de abril do 2012 Raquel Noya

Unha das leis de Murphy que mellor nos acae aquí no país dita que: aquel día no que o sol brilla de pleno na nosa localidade, non temos que traballar e facemos plans para ir á praia, xustamente ese día chove no destino escollido ou está nubrado e temos que quedar coas ganas de tomar un deses baños de sol que curan ata o aburrimento.
Esta situación, que máis ou menos xa se podía controlar dende hai tempo botando man da web de MeteoGalicia, vai quedar como unha mera anécdota que contarlle aos nosos netos grazas á aplicación MeteoSIXMobile, deseñada para achegarnos a predición do tempo ao instante, no noso móbil, dende calquera punto de Galicia.
A principal vantaxe desta ferramenta, a parte da comodidade de uso e a utilidade para certos sectores profesionais, é a fiabilidade dos datos achegados, pois ademais do servizo de predición meteorolóxica da Xunta, colaboran no seu funcionamento o CESGA e as Universidades de Santiago e A Coruña.
Máis polo miúdo, MeteoGalicia elabora os seus prognósticos botando man dunha gran cantidade de datos recollidos de múltiples puntos de observación que se procesan no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), o que da lugar a un marxe de erro mínimo.
Polo momento a aplicación MeteoSIX Mobile só está dispoñible para terminais con Android 1.6 ou superiorOutra das vantaxes de MeteoSIX Mobile, creada para os móbiles con sistema operativo Android, é que podemos coñecer de contado as predicións para calquera lugar da xeografía galega, ben sexa terra ou man, malia non saber o seu nome. Isto é posible grazas a que o GPS do propio móbil detecta as coordenadas do sitio no que nos atopamos e obtén o prognóstico do tempo para a área en tempo real.
Os responsables da ferramenta afirman que“conseguir predicións tan axustadas e precisas coma as que se requiren é posible grazas á gran capacidade de cálculo do supercomputador ’’Finis Terrae’’ do CESGA, no que se procesan a diario os datos de modelos meteorolóxicos e oceanográficos que utiliza o persoal de MeteoGalicia”.
A ferramenta, que está previsto o seu desenvolvemento tamén para móbiles iPhone, vaise ir perfeccionando nos vindeiros meses, estendendo as capacidades da aplicación, incorporando datos de observación e mesmo incluíndo o radar meteorolóxico.

PUBLICIDADE