Portugal encarga 500.000 ordenadores portátiles para os seus cativos

xoves, 31 de xullo do 2008 Marcus Fernández

O proxecto OLPC promovido por Negroponte parece telo cada día máis difícil, e un dos países que vén de sucumbir ante a alternativa de Intel, o Classmate PC, non é outro que a nosa veciña Portugal, que encargou 500.000 ultraportátiles de baixo custo para cativos segundo anunciou onte o primeiro ministro luso, José Sócrates.
Esta iniciativa englóbase dentro do programa e.escolinha e pretende que «todos os cativos teñan acceso ao ordenador Magalhães» (nome que tomará a versión portuguesa do Classmate PC). Os equipos están deseñados para o seu uso por nenos, polo que aparte dun tamaño reducido, tamén é resistente a choques e ao derrame de líquidos. Permiten o acceso á Internet, teñen unha autonomía dunhas 6 horas e funcionan tanto co sistema operativo Windows XP coma con Linux.
O prezo que o portátil terá para os estudantes lusos dependerá dos seus niveis de ingresos familiares, de xeito que pode custar 0, 20 ou 50 euros segundo o caso. Os primeiros equipos entregaranse no mes de setembro e a súa fabricación realizarase en Matosinhos polo consorcio JP Couto-Prológica en colaboración con Intel.
Sócrates tamén anunciou que nos vindeiros 7 meses o seu Goberno vai investir 400 millóns de euros na área de Educación, para facer posible que todas as aulas de ensino conten con acceso á Internet. As conexións de banda larga nos centros educativos tamén se aumentará ata un mínimo de 48 Mbps.

PUBLICIDADE