Portocabo lánzase a repetir o éxito de Hierro en Movistar+ cunha serie rodada na Capelada: Rapa

martes, 26 de outubro do 2021 S. P.

Movistar+ produce, en colaboración coa produtora galega Portocabo, a serie de suspense Rapa, da man do mesmo equipo creativo de Hierro, a serie máis vista de 2021 na plataforma de contidos da operadora.
A nova produción, rodada en parte nos cumios e cantís da Capelada (Cedeira), estrearase en 2022. Con media ducia de episodios, vén da man de Pepe Coira e Fran Araújo (creadores), e está dirixida por Jorge Coira, contando con Javier Cámara e Mónica López como protagonistas.
O pano de fondo é a tradicional Rapa das Bestas de Cedeira, o primeiro domingo do mes de xuño no Curro da Capelada, o único día do ano en que os cabalos que corren ceibos polas alturas da serra deixan ser libres. No marco da celebración dunha tradición que “sintetiza o belo e o salvaxe”, é asasinada Amparo Seoane, alcaldesa da localidade. Resolver o crime é o obxectivo común de Tomás, mestre local, e Maite, un sarxento da garda civil. E converterase en algo máis: unha boa razón para vivir.
A serie de seis episodios de 50 minutos comezou a súa rodaxe en Galicia e estrearase en 2022. A rodaxe está a facerse integramente en Galicia, nas localidades de Cedeira e Ferrol.
Únense a Javier Cámara e Mónica López, os actores Lucía Veiga, Eva Fernández, Toni Salgado, Ricardo Barreiro, Berta Ojea, Jorge Bosch, Santi Prego, Paula Morado, Adrián Ríos, Iria Sobrado, Tito Asorey, Mabel Rivera, Víctor Mosqueira, Nacho Castaño e Lara Boedo.

PUBLICIDADE