Portocabo agarda repetir o éxito de Rapa en Movistar Plus+ coa súa segunda tempada

martes, 30 de agosto do 2022 S. P.

Malia que xa se viña anunciando dende hai meses, este 30 de agosto deuse a confirmación definitiva á segunda tempada da serie galega Rapa (Portocabo) para a plataforma de streaming Movistar Plus +. Segundo avanzaron este martes o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e máis o director da axencia autonómica AGADIC, Jacobo Sutil, os días vindeiros materializarase o regreso a Ferrolterra do equipo comandado pola produtora galega Portocabo para a filmación dos novos episodios cos que se agarda repetir o éxito da primeira entrega.
Tamén confirmaron (nunha xuntanza con Alfonso Blanco, director xeral da produtora), que a segunda temporada da serie será apoiada novamente pola Xunta a través do fondo de atracción de rodaxes do Hub Audiovisual con 300.000 euros.
Desta volta, agárdase superar as cifras acadadas pola primeira temporada de Rapa, cuxo gasto na nosa Comunidade situouse arredor dos 4,2 millóns de euros, investimento que á súa vez implicou un retorno económico directo e indirecto de 5,6 millóns de euros e a creación de 85 empregos en termos equivalentes anuais.
Creada por Pepe Coira e Fran Araújo, o primeiro paquete de capítiulos de Rapa converteuse na mellor estrea da temporada en Movistar Plus+. A cidade de Ferrol será o escenario principal desta nova entrega da serie, que volverán protagonizar Mónica López, como Maite, e por Javier Cámara, como Tomás.
Con esta adxudicación, a segunda temporada da serie convértese no terceiro proxecto beneficiario da segunda convocatoria do fondo para a captación de rodaxes, sumándose á tamén segunda temporada da miniserie Operación Marea Negra, de Ficción Producciones para Prime Video, e mais ao filme Amigos hasta la muerte, das produtoras Undodez e Medio Limón, que xa se están a gravar en distintas localización galegas. Na primeira quenda, as propostas adxudicatarias foron Argonautas e a primeira entrega de Rapa, ambas de Portocabo; Hasta el cielo, de Vaca Net TV, e 13 exorcismos, de Bambú Producciones.

PUBLICIDADE