Porriño convoca o terceiro concurso de mensaxes a móbiles para promover o galego

martes, 10 de abril do 2007 Raquel Noya

Coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas (e do día Mundial de Internet), o vindeiro 17 de maio resolverase a terceira edición do Concurso de sms que o Concello do Porriño vén de convocar como proposta alternativa de normalización lingüística do galego na zona. Segundo o propio Concello, o obxectivo é “fomentar o uso da nosa lingua entre a mocidade” de aí que organizase un certame encamiñado a premiar ás mellores mensaxes curtas de móbil escritas en lingua galega (ou polo menos nunha “pseudolingua sms” que se asemelle o máximo posible ó galego, pois xa se coñecen as consecuencias que traen para un idioma o aforro de caracteres para non ir alén do límite permitido).
Convocado pola Área de Normalización Lingüística do Concello, en colaboración coa Biblioteca Municipal, o concurso porriñés de sms chega á súa terceira edición cun notable éxito de participación en anos anteriores e cun alto grao de repercusión entre os mozos e mozas da comarca, moi vinculados ás novas tecnoloxías e as súas ferramentas (sobre todo correo electrónico e telefonía móbil).
Nesta ocasión, o xurado premiará ás tres mellores mensaxes curtas de temática libre pola súa orixinalidade e calidade de expresión, e os premios ascenderán a 250 euros para o primeiro clasificado, 150 para o segundo e 100 euros para o terceiro. Os galardóns non se acumularán, e no caso de que os participantes recoñecidos sexan menores de idade, recibirán un agasallo por valor do premio en metálico.
As mensaxes contarán cun máximo de 160 caracteres (incluídos os espazos) e deberán ser enviadas ó número 679 039 567 antes do vindeiro 11 de maio. Todos os sms recibidos amosaranse na páxina web da Biblioteca Municipal e o ditame do xurado, así como a súa composición, farase público antes do 17 de maio.
Na pasada edición, de entre as 90 mensaxes recibidas, resultaron premiadas as verbas de Maite Mosquera Noia de Padrón, pola mensaxe: “Q ironia prstituir a lngxe, desangrlas plbras e prcurar 1 cdgo q n custe + d 15 ctms s ste monte m impde chgar a ti. Vou ver s atopo 1 pomba c cbrtura”.
Probablemente nin Cela atoparía mellor maneira de describir este evento que mestura de xeito hábil novas tecnoloxías e lingua galega. Parabéns.

PUBLICIDADE