Pontevedra porá en marcha unha web a prol da diversidade sexual
mércores, 9 de xaneiro do 2019
O
Concello
de Pontevedra vai pór en marcha unha nova web sobre diversidade
sexual. A páxina, que vén moi a conto para este intre de debate
e confrontación política no que estamos a vivir (con determinadas
ideoloxías que van directamente en contra do, por outra banda,
necesario recoñecemento e visualización da diversidade), estará
dispoñíbel en www.pintoemaragota.gal
e servirá de alicerce á campaña do mesmo nome, Pinto e Maragota,
impulsada pola Concellería de Igualdade que dirixe Carme Fouces.
Tamén terá presenza activa nas redes sociais Facebook e Instagram.
A
iniciativa ten o obxectivo básico de “empurrar cara o derrube do
patriarcado; favorecer a vida en igualdade das persoas lesbianas,
gais transexuais e doutros colectivos respectando a súa diversidade
sexual e de xénero; promover, defender e garantir os dereitos do
colectivo LGTBIQ+ ; favorecer a súa visualización e promover a
empatía de todos os pontevedreses e pontevedresas coa diversidade”,
en palabras da concelleira Carme Fouces. A campaña inclúe accións
formativas, de divulgación e normalización, de lecer
(vermú-faladoiros, clubs de lectura, cinefórum,..),
obradoiros e sesións de atención baixo demanda de persoas de
colectivo LGTBIQ+ e familias. Tamén se achegarán recursos de
formación á Policía Local en materia de atención da diversidade
sexual e fronte a LGTBIQfobia; e porase en marcha un Observatorio
LGTBIQ+, etc.