Pontevedra fortalece a súa eAdministración con equipos de meirande capacidade

martes, 22 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Pontevedra vai reforzar a súa Administración Electrónica outorgándolle un extra de capacidade aos equipos informáticos cos que conta. Así o fixo saber o Goberno local os días pasados, informando de que os traballos a desenvolver (incluídos no contrato para a consolidación da infraestrutura de virtualización da Administración local) foron adxudicados á empresa Econocom Servizos, firma con sedes en Vigo e na Coruña (entre outras moitas cidades) e que centra boa parte do seu traballo no fornecemento de tecnoloxías para a transformación dixital de entidades públicas e empresas.
Máis polo miúdo, o fortalecemento TIC do Concello de Pontevedra consiste na compra de tres novos servidores e dous conmutadores de fibra para substituír outros tantos servidores que teñen máis de 6 anos, “que se precisa que dispoñan de máis capacidade”, sinalou o Executivo pontevedrés, debullando algúns dos principais servizos que se apoian nestes tres servidores a substituír: o directorio activo do Concello (validación de usuarios e asignación de permisos), o xestor documental (no que se almacenan todos os documentos que se xeran coa aplicación de xestión de expedientes), a ferramenta de xestión de expedientes, o xestor de correo electrónico corporativo, a intranet municipal ou a aplicación de inventario, entre outras funcionalidades.
O Goberno local engadiu que estes novos equipamentos dixitais “permitirán mellorar as prestacións dos equipos informáticos municipais, facilitando o labor cotián dos traballadores públicos e, polo tanto, a atención aos veciños en termos de fiabilidade e rapidez”. A adxudicación foi por 47.483,29 euros e a empresa ten un prazo de execución de 2 meses para a instalación destes equipos.
O Concello asumirá con fondos propios esta contratación. Porén, esta atópase incluída dentro dos proxectos municipais susceptíbeis de financiamento cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que asumirán o 80% do gasto e o 20% restante correrá a cargo da Administración local.

PUBLICIDADE