Pontevedra e o Foro PontEmprende encherán a Rede de webinars sobre transformación empresarial

mércores, 15 de xullo do 2020 S. P.

A COVID19 transformou para sempre o panorama formativo, facendo avanzar a aprendizaxe a distancia e as ferramentas que a fan posíbel, e incidindo, tamén, en temáticas de especial interese para facer fronte ás consecuencias económicas e sociais da emerxencia sanitaria. Temáticas como mercadotecnia online, emprendemento, intelixencia comercial e emocional ou neuromarketing. Esta é a cerna do novo Foro PontEmprende, que regresa en formato de webinars con relatores de áreas ben diversas pero complementarias: as diferentes facianas da innovación empresarial.
O obxectivo é que as vídeo-conferencias previstas conecten ao cen por cen coas necesidades reais e actuais das pemes e dos autónomos.
O foro, organizado polo Concello de Pontevedra, brindará “un espazo de encontro virtual entre emprendedores e expertos formadores e profesionais experimentados”, achegando un alicerce firme para entender a dimensión dos cambios que se produciron e “potenciar unha actitude de reacción inmediata para favorecer ao comercio local e ás pequenas empresas da nosa contorna”.
PontEmprende vaise desenvolver desde o luns 20 de xullo ata o xoves 6 de agosto con vídeo-conferencias diarias (de luns a venres), en horario de 15:30 a 16:30 horas.
As persoas que non poidan asistir nas datas e horarios previstos, terán a oportunidade de ver estes webinars en diferido, dado que se gravarán e se publicarán na plataforma E-ponte, que está actualmente en proceso de construción.
Este programa de relanzamento empresarial está impulsado polo Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Promoción Económica e Turismo, que dirixe a socialista Yoya Blanco, polo que os relatorios que se ofrecen son totalmente gratuítos para autónomos, pemes e futuros emprendedores (que deberán inscribirse con antelación a través do teléfono 986 86 39 49 ou por Whatsapp no 619 217 218).
O programa de PontEmprende 2020 será o seguinte:
· Luns 20 de xullo. Manuel Conde: Empeza por trans-formarte. Fortaleza Emocional para emprendedores en tempos de crise.
· Martes 21 de xullo. Fernando S. Salinero: Comprender o cambio e aproveitar o cambio.
· Mércores 22 de xullo. Jaime Barriero: A mellor idea, se non vende, nace morta.
· Xoves 23 de xullo. Silvia Guinart. Principios básicos de Neuromarketing.
· Venres 24 de xullo. David Iglesias. O que atende e entende… Máis vende!
· Luns 27 de xullo. Pepe Cabello. As 10 mellores habilidades dos emprendedores de éxito.
· Martes 28 de xullo. Josúe Gadea. Aprendendo a vender por valor, non por prezo.
· Mércores 29 de xullo. Carmen Lafuente. Intelixencia financeira nas empresas.
· Xoves 30 de xullo. Roberto Pérez Marijuán. Deixa de vender, consegue que che compren. Fundamentos probados de Neuromarketing.
· Venres 31 de xullo. Eduardo Méndez. Comunicación emocional consciente. Cara a unha venda eficaz.
· Luns 3 de agosto. Diego Palomares. A creatividade empresarial para o comercio.
· Martes 4 de agosto. Mª Carmen Fuentes. Emprendemento e financiamento.
· Mércores 5 de agosto. Javier Rivas. Xestión do tempo para aumentar resultados.
· Xoves 6 de agosto. Pepe Cabello. Claves para aumentar resultados.

PUBLICIDADE