Pontevedra é a provincia galega con maior cobertura de Internet grazas ao Plan de Banda Larga

venres, 13 de setembro do 2013 Redacción

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou o concello de Mondariz onde, en compaña do alcalde da localidade, Julio Alén, e do xefe territorial de Presidencia, Ramón Pereiro, fixo balance da actual situación da cobertura de acceso á rede na provincia de Pontevedra.
Segundo apuntou Cores Tourís, o Plan de Banda Larga da Xunta posibilitou que Pontevedra se convertese na provincia galega con maior cobertura de Internet, xa que o 98% dos seus habitantes teñen acceso a Internet cando en 2010 ese porcentaxe era do 78,3%.
Deste xeito, segundo apuntou o delegado territorial, antes do Plan, 206.000 habitantes da provincia non podían acceder a este servizo. “Na actualidade, tódolos concellos da provincia superan o 90% de cobertura poboacional, mentres que antes do plan só un concello acadaba esta porcentaxe de cobertura”, explicou Cores Tourís, para engadir que “adicionalmente, coa participación do Plan de Banda Larga, acadouse en xuño de 2013 que un total de máis de 392.000 pontevedreses con cobertura de redes de nova xeración (NGA) que permiten velocidades de conexión de 100 Mbps”.
“Visitamos este concello hoxe”, explicou Cores Tourís, “porque precisamente Mondariz é un dos concellos da provincia de Pontevedra que lograron un aumento máis significativo da súa cobertura xunto a Dozón, Agolada, Cerdedo, Rodeiro, Covelo, Ponte Caldelas, Forcarei e A Lama”. As actuacións do Plan incrementaron en máis do dobre o número de veciños de Mondariz con acceso á rede. “De feito, o investimento para este fin superou, por parte da Xunta de Galicia, os 263.000 euros e permitiu que a cobertura pasara neste concello do 41% a practicamente o 100% cunha complementación do 2% vía satélite”.
O máximo representante do Executivo galego en Pontevedra dixo que na provincia hai 6.619 núcleos de poboación, dos que xa se cubriron, grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta, máis de 6.400 (un 97,7%%).
Así, subliñou Cores Tourís, “o plan avanza na redución da fenda dixital entre as provincias do interior e as do eixo atlántico, que pasou dun 20% en 2010 a un 2% actualmente”.

Evolución da cobertura de banda larga na provincia de Pontevedra

PUBLICIDADE