Pontevedra adxudica o contrato para deseñar a app do transporte a demanda

mércores, 14 de outubro do 2020 S. P.

O Concello de Pontevedra adxudicou finalmente o contrato para deseñar a aplicación informática que rexerá o transporte a demanda do termo municipal. A encargada de materializar a ferramenta será a alianza empresarial Demesix Sicom Zitycard, que contará cun orzamento de 266.587,20 euros e un prazo de execución de 21 meses.
A portavoz do Goberno e concelleira de Réxime Interior, Anabel Gulías, asegurou que “damos outro pasiño máis na xestión do que esperemos que sexa a revolución do transporte no Concello de Pontevedra”. Para estes traballos presentaran ofertas dúas empresas e coa resolución da adxudicación dáse luz ver ao deseño da aplicación informática que vai establecer como funcionará o servizo de transporte público a demanda.
A edil lembrou que esta adxudicación súmase á feita pública os días pasados relativa ao estudo e proposta de viabilidade e sostibilidade da explotación dun servizo de transporte colectivo a demanda. O obxectivo é, segundo lembrou Anabel Gulías, “ter deseñado o funcionamento do proxecto de transporte a demanda no presente mandato”.

PUBLICIDADE