Pontevedra acollerá un encontro para afondar nas aplicacións do deporte nos negocios innovadores

venres, 11 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

O deporte e o labor empresarial, profesional, teñen máis puntos comúns do que pode parecer a primeira vista. En ámbolos dous eidos son fundamentais os seguintes puntos, entre outros: traballar en equipo, ser competitivo e ambicioso, ter capacidade para o adestramento propio e alleo e contar con espírito de sacrificio e de superación. En definitiva, que tanto nun lado como noutro deberemos aprender a gañar e, tamén, a perder. Pór de manifesto as múltiples características comúns entre deporte e negocio, facendo fincapé en como os métodos avanzados do primeiro poden axudar no segundo, e todo dende unha óptica innovadora (facendo uso intensivo das novas tecnoloxías como se fai, no deporte, uso de equipamentos), é un dos grandes obxectivos do Forum GTSport que se organiza en Pontevedra entre os días 23 e o 26 de novembro.
O evento, que se desenvolve no Edificio Administrativo da Xunta de Campolongo de Pontevedra, vén da man da Fundación para o Deporte Galego, a Secretaría Xeral para o Deporte, a Deputación de Pontevedra, o Concello e máis o Campus (Universidade de Vigo). O eixe temático será o adestramento empresarial (tamén chamado coaching) para crear futuro, poñéndose de manifesto cómo os valores transmitidos no deporte teñen unha gran aplicación na vida empresarial, todo isto combinado cos mellores equipos tecnolóxicos. “A crise actual”, advirte a organización, “puxo de manifesto que na maior parte dos casos o noso esforzo foi encamiñado na dirección equivocada, producindo uns resultados efémeros, polo que precisamos apoiarnos e aprender de aqueles que souberon con claridade o seu proxecto de futuro, que souberon xestionar os recursos e que tiveron a actividade axeitada perante as dificultades”.
O congreso de Pontevedra dará acubillo a todo tipo de profesionais do eido do adestramento empresarial (relatores como Fernando Sánchez Salinero, Juan Luis Calatarrá ou Roberto Luna), sendo o sector ao que se dirixe o dos profesionais e futuros emprendedores que queiran mellorar en algún aspecto a súa andaina presente ou vindeira no mercado. Asemade, o que se vai buscar é pór en marcha, fisicamente, unha comunidade virtual, un ambiente cooperativo que “fomente o traballo en equipo e se comparta o coñecemento co fin de producir o maior e mellor fluxo de información de valor”.

PUBLICIDADE