Pontedeume organiza un relatorio sobre os perigos de Internet

luns, 18 de maio do 2009 Raquel Noya

O Concello de Pontedeume, dende a Concellaría de Servizos Sociais e en colaboración cos centros de ensino de todo o municipio, vén de anunciar a celebración dunha charla-coloquio sobre os perigos que encerra a Rede de redes para os máis cativos e cativas da casa, un tema do que nos últimos días vimos falando a reo e do que non nos cansamos por moitos actos deste estilo que se fagan por toda a xeografía galega.
O relatorio contará con persoal especializado en seguridade en liña da Garda Civil e, segundo vén de informar a concelleira de Servizos Sociais de Pontedeume, Ruth García, está encadrado dentro das accións que se levarán a cabo no marco do Plan director da Garda Civil para a convivencia e mellora da seguridade escolar.
A actividade vén a complementar as correspondentes explicacións didácticas expostas polo mesmo persoal nos centros educativos, mais desta volta, “vai dirixido a pais e nais dos alumnos do Concello, aínda que se abre ao público en xeral”.
Ruth García considera esta iniciativa como “extremadamente interesante, posto que a día de hoxe”, continuou, “vistos os riscos que hai no uso diario da Rede, é moi importante que os pais e nais sexan conscientes da realidade coa que conviven os seus fillos e fillas cada vez que se internan na web”.
A concelleira asegurou contar para o evento con profesionais especializados no tema, que “coas súas intervencións sumamente didácticas, poñerán ao alcance de todos información de interese sobre o funcionamento de Internet”.
A actividade, que terá lugar mañá martes ás 19 horas no salón de actos de Caixa Galicia de Pontedeume, informará aos asistentes sobre as posibilidades de uso da Rede, así como dos riscos que nos afectan cada vez que accedemos ás distintas ferramentas ou do xeito de empregar os nosos datos persoais en Internet.

PUBLICIDADE