Ponteceso e Corme acollen os meses vindeiros un curso de iniciación ao software libre

xoves, 16 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

A Escola Municipal de Informática do Concello de Ponteceso desenvolverá entre os días 5 de maio e 9 de xuño un curso de iniciación ao software libre encamiñado a achegar coñecementos básicos sobre a programación aberta e as súas vatanxes para o cidadán de a pé: menores custes (as licenzas son abertas e, en consecuencia, o prezo é máis reducido cando non de balde), meirande marxe para a adaptación ás necesidades do usuario (posto que o miolo do programa está aberto) e respaldo da comunidade de deseñadores e usuarios de software libre. Máis polo miúdo, a actividade, organizada en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello, vai encamiñada a achegarlle ao alumnado de Ponteceso e Corme as funcionalidades do sistema operativo galego Galinux, promovico pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información. Asemade, darase conta de outras ferramentas libres incluídas no devandito sistema.
Por certo que para a actividade está previsto o apoio do Centro Mancomún, que fornecerá aos organizadores dunha serie de exemplares do Galinux para distribuír entre os participantes no curso.
A proposta, sinala Mancomún, enmárcase dentro da campaña de promoción do Galinux e do software libre iniciada pola propia entidade local. Segundo explica o responsábel de informática do Concello, Óscar Rei, “probamos o Galinux e pareceunos tan sinxelo e intuitivo que quixemos dalo a coñecer entre todos os habitantes da zona por ser libre, gratuíto e en galego”.
O programa impartirase de xeito simultáneo nas localidades de Ponteceso e de Corme en sesións de catro horas semanais. En Ponteceso o horario será de 10 a 12h, mentres que en Corme farase polas tardes en horario de 15:30 a 17:30 h.
Disporanse un total de 19 prazas (10 en Ponteceso e 9 en Corme), que se cubrirán por orde de inscrición. A solicitude farase pola Internet na plataforma PAD ou ben telefonicamente a través da Oficina Municipal de Corme (981 738428) ou do Departamento de Informática (981 714000 ext 18).
As persoas que queiran asistir co seu portátil deberán ter instalado Galinux.

PUBLICIDADE