Ponteareas presenta unha app para dispensar tíckets electrónicos de atención cidadá

mércores, 13 de maio do 2020 S. P.

O Concello de Ponteareas presentou un novo paso adiante na súa carreira tecnolóxica, acelerada con múltiples iniciativas en tempos de crise sanitaria. Estamos a falar dunha aplicación para o obter o tícket electrónico de atención cidadá, unha medida que, segundo fixo saber o concelleiro de Innovación Benito Márquez, ten o obxectivo de evitar ringleiras de espera ás veciñas e veciños nos diferentes servizos de atención ao público. Tamén ten a finalidade de protexer a saúde da veciñanza e dos traballadores municipais.
O concelleiro de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez, deu a coñecer a implantación nestes semanas dun novo sistema intelixente de atención cidadá en tódolos departamentos que prestan actualmente servizos de atención ao publico. “O obxectivo é continuar prestando os servizos de atención, respectando as medidas de saúde, seguridade e hixiene impostas pola COVID-19”, dixo, engadindo que o novo contexto que estamos a vivir guinda un cambio radical no xeito de relacionarnos, “e dende o Concello debemos de dar resposta a todas as necesidades críticas xurdidas a raíz desta nova situación”.
O novo sistema que se está implantando permite a obtención dunha quenda dende o teléfono móbil ou a través da web (tícket electrónico), así como o seu seguimento a distancia e a notificación da quenda, evitando o uso de elementos táctiles públicos para a obtención da mesma, co fin último de desconxestionar as salas de espera e permitindo que o cidadán acuda unicamente cando estea a punto de ser chamado para a súa atención.
Segundo fixo saber o edil respecto do funcionamento do sistema, as veciñas e veciños poderán pedir cita de maneira telemática, a través dunha aplicación móbil, e estarán en disposición de seguir a cola en tempo real para os tíckets electrónicos xerados. A través da aplicación móbil, recibirán datos en tempo real do número de persoas en espera e do tempo aproximado para seren atendidas/os. Así, cando a súa quenda estea próxima, “recibirán no móbil unha notificación, realizando a espera na rúa, na casa ou no coche, mantendo a distancia de seguridade”, sinalou o concelleiro socialista Benito Márquez.

PUBLICIDADE