Ponte... nas ondas presenta o seu innovador modelo de comunicación en Madrid

martes, 24 de outubro do 2023 S. P.

A asociación Ponte... nas ondas!, centrada en reivindicar a cultura común de ámbalas beiras da raia galego-portuguesa botando man das novas canles de comunicacións e poñendo o foco na mocidade, presenta esta semana en Madrid o seu modelo de boas prácticas arredor do patrimonio cultural material, modelo recoñecido pola UNESCO. Poderá verse de xeito presencial no auditorio do Museo Nacional de Antropoloxía. Participará unha delegación de profesores/as, alumnos/as, artistas e portadores do patrimonio cultural inmaterial.
O acto terá lugar no auditorio do museo o sábado 28 ás 12 do mediodía e para asistir en persoa é preciso reservar a través da conta de correo reservas.mna@cultura.gob.es. O programa mostrará ao público a fórmula de Ponte... nas ondas!, unha fórmula que a asociación galego-portuguesa resume deste xeito: educación, máis comunicación, máis patrimonio máis TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación). Nel participará alumnado e profesorado actual xunto con ex-alumnos que pasaron pola experiencia de PNO! Previamente.
Alumnas do IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas serán as encargadas de conducir a parte do acto en formato radiovisual como locutoras e entrevistadoras. Do CEIP A Ramallosa de Teo participará un grupo de música tradicional de 7 compoñentes (gaita, violín, bombo, tambor e cavaquiños) que interpretarán temas do repertorio tradicional galego-portugués. Pola súa banda, a artista e ilustradora Lara Lars participa coa realización dun cartel para o acto e será entrevistada para que conte a su experiencia coa radio escolar no seu centro participante en PNO! e as súas actuais colaboracións en Radio Nacional de España.
O músico Pancho Álvarez, virtuoso das cordas, investigador e portador do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués, levará ao museo a colección de instrumentos do seu proxecto Cordas históricas e interpretará en directo temas de la tradición musical galego-portuguesa.
O realizador Roi Grandío será o encargado da gravación dunha peza audiovisual e tamén contará o seu paso por Ponte...nas ondas! como alumno en secundaria. Tamén será entrevistado polas alumnas o director do museo, Fernando Sáez Lara, quen fará un percorrido pola traxectoria da institución, o primeiro museo antropolóxico creado en España en 1875 e preto xa do seu 150 aniversario.
Un modelo de ensinanza referente
O programa Ponte... nas ondas!, impulsado pola asociación cultural e pedagóxica co mesmo nome que coordina o profesor Santiago Veloso, naceu hai 27 anos nos centros educativos do sur de Pontevedra e do Alto Minho e desde entón non deixou de medrar co obxectivo de salvagardar o patrimonio cultural inmaterial na fronteira portuguesa-galega mediante a creación de espazos nos que o patrimonio pode practicarse e transmitirse ás xeracións máis novas.
O proxecto é unha iniciativa transfronteiriza que promove o intercambio lingüístico entre centros de ensino da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Ten o apoio tamén da Secretaría Xeral de Política Lingüística (Consellería de Cultura), de cuxa colaboración teñen abrollado iniciativas como o Certame de Podcasts en Galego Xosé Mosquera Pérez (O Vello dos Contos) ou outras iniciativas que poñen o foco nas novas ferramentas dixitais.
Debido ao seu labor, no ano 2022 o proxecto Ponte…nas Ondas! foi inscrito no Rexistro de Boas Prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO.

PUBLICIDADE