Ponte... nas ondas presenta o proxecto dixital Memoria e patrimonio co apoio de Política Lingüística

xoves, 12 de maio do 2022 S. P.

Este mércores 11 de maio presentouse en Muros o proxecto dixital Memoria e Patrimonio, realizado ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia. Trátase dunha iniciativa da Asociación Ponte... nas ondas! que busca pór en valor o traballo de escolas galegas e portuguesas co patrimonio inmaterial dos dous países irmáns (Galicia e Portugal), poñendo o foco nos álbums fotográficos familiares. Na presentación participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a coordinadora do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, Chus Abraldes, e o presidente da dita asociación, Santiago Veloso.
García explicou que Memoria e Patrimonio trátase dun “proxecto interesante por moitos motivos como a participación da mocidade na preservación do patrimonio, a colaboración interxeracional e a transmisión da lingua galega, xa que todo o que está implicado en Ponte...nas ondas! pon á vista os vencellos lingüísticos e culturais entre a Galicia alén do Miño”.
Ao acto, que tivo lugar no instituto IES Plurilingüe Fontexería de Muros, tamén acudiu o alumnado do centro e a súa directora do centro, María José Lago.
Memoria e Patrimonio conta con 25 fotografías seleccionadas entre as recollidas nas primeiras edicións do certame As imaxes do patrimonio de Ponte...nas Ondas!. As imaxes, segundo se destacou na presentación, “son exemplo de como a mocidade de centros educativos de Galicia e de Portugal toman contacto coas xeracións anteriores e recolle as memorias asociadas ao patrimonio inmaterial”. Cada unha das fotografías vai acompañada dun texto explicativo redactado polo alumnado, ademais de ser interpretada graficamente a través dunha banda deseñada elaborada polo ilustrador Andrés Meixide.
Na cita tamén se puxo o foco no formato descargábel do libro e no feito de que os materiais conten cunha versión multimedia enriquecida con diversos contidos. Así, pode consultarse en formato de audiolibro e escoitar os podcasts que acompañan cada unha das imaxes e, por outra parte, proporciónanse unha serie de actividades interactivas pensadas para o aproveitamento didáctico a partir das temáticas relacionadas coas diferentes fotografías.
O libro estará dispoñíbel no Portal da Lingua da Secretaría Xeral de Política Lingüística e na web de Ponte...nas Ondas!.

PUBLICIDADE