Ponte nas... Ondas! convoca un concurso de SMS a móbiles en galego

mércores, 30 de maio do 2007 Raquel Noya

Tralo indiscutible éxito do concurso Lingua de amor, consistente en enviar declaracións de amor en galego a un teléfono móbil, a organización de Ponte... nas Ondas! vén de por en marcha un concurso similar de SMS a móbiles en galego (desta vez sen tanto azucre para os dentes) coa finalidade de interrelacionar a imaxinación, a tecnoloxía e a creatividade de tódolos participantes.
O concurso consiste en enviar unha mensaxe de móbil, dun máximo de 160 caracteres, que conteña a palabra “ponte” antes do día 1 de xuño, data na que arrancará un maratón radiofónico no que participarán máis de corenta escolas de Galiza e do Norte de Portugal e no que se contará coa colaboración de diversas emisoras de radio de ámbolos países, Cámaras Municipais, Concellos, Compañías telefónicas, empresas privadas, editoriais e outros organismos públicos e privados.
O número de móbil ó que os participantes deben enviar as súas mensaxes é o 635 499 901. O SMS máis orixinal recibirá como premio un MP4.
O programa Ponte... nas Ondas deste 2007, ten como lema Na rede do patrimonio e será emitido a través da Radio Galega, así como da web de pontenasondas.org e da canle televisiva da Universidade de Vigo (U-VigoTV), vía Internet, entre as 10:00 e as 13:00 horas do vindeiro 1 de Xuño.
Nesta edición, a xornada radiofónica interescolar salta á Rede, e segundo os organizadores, “Internet vai ser a praza pública de intercambio, a feira do patrimonio onde se trocarán os traballos producidos polos nosos estudantes máis novos”.

PUBLICIDADE