Pont-Up Store reivindicará os drons como alternativa sustentábel e segura aos fogos artificiais

mércores, 9 de agosto do 2023 S. P.

A feira pontevedresa de emprendemento e innovación Pont-Up Store prepárase para regresar o 29 e 30 de setembro á cidade do Lérez cunha escolma de propostas de mercado que, nunha alta porcentaxe, propoñen solucións sustentábeis a diferentes retos e en sectores moi diversos. Un dos que máis chaman a atención é a proposta da empresa Luxsit, unha iniciativa de Gabriel Alejandro Pérez Salgas, Lucas Hermida Pena e Santiago Alberto Currais Martínez, tres estudantes do Grao de Enxeñería Aeroespacial da Universidade de Vigo que propoñen espectáculos de luces con drons como unha alternativa innovadora e respectuosa co medio ambiente aos tradicionais fogos artificiais.
“Os drons”, explican, “ofrecen novas posibilidades para os espectáculos de luz. O seu control preciso, xunto coa capacidade de crear formas e patróns no ceo, permiten espectáculos máis seguros e menos contaminantes que os fogos artificiais; e ademais a posibilidade de sincronizar estes aparellos con música ou narrativa permite un nivel de personalización e creatividade sen precedentes”.
E engaden os responsábeis de Luxsit: “Combinamos a nosa experiencia en tecnoloxía, enxeñería e produción de eventos para crear un produto único no mercado dos espectáculos en vivo. A tecnoloxía de drons de Luxsit permite a creación de patróns de luz dinámicos e complexos no aire, cunha precisión milimétrica. Isto crea unha experiencia visual impactante e única para o público. Ademais, o uso de drons elimina a necesidade de torres de iluminación custosas e a loxística asociada coa súa montaxe e desmonte”.
Segundo lembran, este tipo de espectáculos xa se empregaron en eventos tan destacados como a coroación de Carlos III ou a previa de Eurovisión.
33 startups galegas presentarán os seus modelos de negocio nesta edición
En total, van participar nesta edición especial décimo aniversario, 33 startups galegas; 32 serán empresas con stand, das que 6 participarán tamén no espectáculo de talento Pont-Up Exprés, ao que se sumará outra iniciativa empresarial para completar un total de 7 ideas de negocio que recibirán o feedback do xurado nesta edición.
A feira Pont-Up Store conta coa colaboración e o patrocinio de entidades como a Concellaría de Promoción Económica do Concello de Pontevedra como patrocinador principal; a Universidade de Vigo como impulsora do evento coa colaboración do seu Consello Social; e os apoios da Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia, Zona Franca de Vigo, Abanca e R, entre as máis de 50 entidades públicas e privadas que durante estes anos foron sumándose “ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento co obxectivo de converter a Pontevedra na capital galega das mellores iniciativas empresariais”, informan dende a organización.
Como resultado desa colaboración e das redes tecidas entre a comunidade emprendedora que foi participando nas distintas edicións, no ano 2022 creouse a Asociación para o Emprendemento e a Innovación: Pont-Up Store, que xa agrupa a máis de 200 empresas e que ten como obxectivo aproveitar a experiencia e os valores promovidos polo encontro ao longo destas nove edicións, garantir a continuidade da celebración anual do evento e apoiar tanto aos novos emprendementos como a toda a comunidade de participantes, constituída por preto de 300 iniciativas procedentes de toda Galicia.

PUBLICIDADE