Pont-Up Store desenvolverase cun formato híbrido con accións presenciais e virtuais

luns, 15 de xuño do 2020 S. P.

Malia as consecuencias da COVID-19, imos ter nova edición de Pont-Up Store, a feira do emprendemento e a innovación de Pontevedra, impulsada pola UVigo a través de Campus Crea. Iso si, será unha convocatoria controlada, segura e cunha vertente online máis marcada. A sétima edición da Pont-Up Store, segundo avanzou hai uns días o presidente do comité organizador, o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Pedro Figueroa, terá un “formato híbrido”, no que se combinarán as actividades presenciais e virtuais.
Por unha banda, seguindo os protocolos de seguridade vixentes nese momento, está previsto que entre o 17 e 19 de setembro se instale de novo na praza de España de Pontevedra a carpa na que 35 novas empresas disporán dun recanto de seu no que amosar o seus produtos e servizos dentro do que a organización define como “o encontro de emprendemento máis importante de Galicia”. A esta iniciativa sumarase un programa paralelo de actividades, que como explicou Figueroa, incorpora neste 2020 un “espazo de internacionalización”, dirixido a achegar aos novos emprendedores e emprendedoras ferramentas para saír ao mercado exterior.
Co Concello de Pontevedra como patrocinador principal, o Pont-Up Store lévase a cabo grazas á colaboración de 40 entidades públicas e privadas. Neste 2020 optarase polo devandito formato híbrido, aínda que deixando a porta aberta á posibilidade de ter que convertelo todo ao virtual, “no caso de que as circunstancias sanitarias obriguen a adoptar por esta fórmula”, convertendo a web do evento nunha "plataforma para soportar a dixitalización", así como nun acubillo de contidos de interese.
Coma en adicións anteriores, os emprendedores e emprendedoras dispoñen de tres modalidades de participación no evento, que desde o pasado mércores mantén aberto o prazo de presentación de candidaturas. Poden optar a un dos 35 stands gratuítos que se porán á súa disposición na praza de España, así como propor o desenvolvemento de “actividades demostrativas” no recinto. A estas dúas opcións súmase o Puntazo Exprés, no que dez emprendedores e emprendedoras serán seleccionados para explicar en cinco minutos o seu proxecto a representantes de diferentes empresas e entidades.

PUBLICIDADE