Pont-Up Store centra esforzos na vertente formativa: catorce obradoiros sobre emprendemento, innovación e TIC

xoves, 10 de setembro do 2020 S. P.

A edición deste ano da feira de emprendemento pontevedresa Pont-Up Store, organizada polo Campus local (Campus Crea) co Concello como patrocinador principal, vén cun completo programa de actividades formativas virtuais: un total de 14 coloquios e seminarios que se van desenvolver a vindeira semana a través da Rede, algúns dos cales tocarán de cheo as vantaxes da dixitalización ou o as posibilidades de emprendemento dos videoxogos. Polo que respecta á axenda de actividades presenciais prevista, por mor da inclusión de Pontevedra dentro das zonas con especiais restricións pola COVID-19 serán obxecto de aprazamento á espera de que se normalice a situación sanitaria.
Polo tanto, a instalación na praza de España dunha carpa na que preto de 40 empresas ían dar a coñecer os seus produtos e servizos e na que se ían desenvolver outra serie de actividades “levarase a cabo cando a situación sanitaria o permita”, explicaron os organizadores este xoves na cidade do Lérez ante os medios.
Lembrando o lema desta edición, “unha etapa no camiño de emprender”, o director do Pont-Up Store, o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Pedro Figueroa, sinalou que “o camiño continúa” e que a parte presencial do evento levarase a cabo “canto antes poidamos”.
No que atinxe á vertente formativa, que no seu 80% ou 90% xa fora concibida con formato online (ou reconverteuse rapidamente), levarase a cabo entre o xoves e o sábado da semana que vén, incluíndo 14 obradoiros, coloquios e seminarios, que achegarán “unha formación moi necesaria neste momento” sobre como adaptar as actividades empresariais ao contexto xerado pola pandemia.
Segundo explicaron os organizadores, a sétima edición do Pont-Up Store ten como gran novidade a incorporación dun espazo dirixido a promover a internacionalización das empresas, no que se agrupan tres obradoiros en liña organizados pola entidade Ticket2Europe, encamiñados a achegar as experiencias de emprendedores e emprendedoras doutros países e a amosar como facer fronte aos medos á hora de emprender no estranxeiro e a como construír redes de alianzas internacionais.
Por outra banda, no Espazo de Desenvolvemento de Competencias e Economía Social, inclúense actividades como un seminario que desde o luns promove AJE-Pontevedra, centrado en axudar ás e aos emprendedores a facer fonte a nova situación xerada pola pandemia, baixo o título de Como deseñar a vacina para frear os efectos da COVID-19 no teu negocio utilizando metodoloxía design thinking.
Amais, o grupo WordPress Pontevedra ofrecerá, na tarde do venres, un encontro sobre dixitalización, tecnoloxía e mercadotecnia online, no que expertos e expertas nestas áreas abordarán como levar a cabo a transformación á que se viron obrigadas moitas empresas por mor da pandemia. Neste bloque agrúpanse así mesmo un obradoiro sobre seguridade informática e un seminario sobre marketing dixital.
No Espazo de Igualdade do evento reúnense nesta edición dúas actividades, unha mesa redonda con hackers éticas galegas, expertas en ciberseguridade, o sábado; e un coloquio, o xoves, sobre como a pandemia están afectando á visualización laboral das mulleres, no que intervirán seis emprendedoras participantes en anteriores edicións do Pont-Up Store.
No que atinxe ao recanto centrado nos videoxogos, o Espazo Gaming, fornecerá de tres charlas divulgativas na tarde do venres, organizadas por SPA-cc/HobbyPont e dirixidas a dar a coñecer experiencias de emprendemento neste eido.
Por último, dentro do Espazo de Innovación Social, agrúpanse iniciativas como un encontro de iniciativas empresariais impulsadas no rural galego, coordinado por Espazo Arroelo, ou un coloquio sobre emprendemento social.

PUBLICIDADE