Pont-Up Store 2022 contará con 40 empresas, unha trintena de actividades e un escape room

luns, 12 de setembro do 2022 S. P.

O Campus Crea de Pontevedra (UVigo) presentou este luns 12 de setembro o programa da nova edición do evento de emprendemento innovador Pont-Up Store: unha convocatoria de recuperación postCOVID centrada en axudar ás novas empresas galegas a desenvolver competencias que lles permitan madurar os seus emprendementos e iniciar o camiño da internacionalización. O encontro arrancará en Pontevedra este mes de setembro dentro con actividades previas en distintos espazos da cidade e abrirá a carpa da praza de España o venres 23 e sábado 24 con preto de 40 modelos de negocio que “destacan pola innovación, a creatividade e a sustentabilidade”, en palabras do Campus Crea.
Na presentación participaron Yoya Blanco Rial, concelleira de Promoción Económica e Igualdade do Concello de Pontevedra; Eva Lantarón Caeiro, vicerreitora do Campus de Pontevedra da UVigo; Carlos López Font, deputado de Economía da Deputación de Pontevedra; e Pedro Figueroa Dorrego, director do Pont-Up Store.
O evento, destacaron, ofrecerá este ano máis de 30 actividades relacionadas co ecosistema emprendedor, e máis da metade serán sesións destinadas a adquirir ou mellorar competencias básicas ou específicas. Entre as competencias básicas, haberá sesións dedicadas ás posibilidades de financiamento na pequena empresa; ás axudas e subvencións; e á aceleración, dixitalización e neuromarketing para pequenas e medianas empresas.
Con respecto ás competencias específicas, destacan as relativas ás empresas de economía social e dos emprendementos sustentábeis.
En total, vanse presentar 39 startups galegas; 35 serán empresas con stand, das que catro desenvolverán actividades demostrativas na carpa e outras 4 participarán tamén na feira de talento Pont-Up Exprés, onde un total de 7 iniciativas empresariais presentarán as súas ideas de negocio ante un xurado composto por 4 representantes de importantes entidades e empresas galegas.

As creadoras do Skeirrum

Dentro das actividades programadas arredor do desenvolvemento de competencias emprendedoras, destaca nesta edición a proposta de Skeirrum, “o primeiro escape room cultural ao aire libre de Galicia”, en palabras do equipo organizador, que salientou que vai consisten nunha experiencia especialmente deseñada para a cidade de Pontevedra. Máis polo miúdo, Skeirrum é idea de dúas mozas guardesas, Cintia Lomba e Erea Rodriguez, que lograron visualizar o seu proxecto como un dos máis valorados en dous importantes certames: o VIII Encontro Internacional de Mozos Emprendedores 2022 e a Revolta Rural, e que agora se vai presentar dentro do Pont-Up Store. Neste caso, a experiencia está dirixida a fomentar a cultura do emprendemento a través do coñecemento do patrimonio cultural e histórico da cidade de Pontevedra. Consiste en que unha persoa que decide emprender debe ser capaz de superar todos os retos que van xurdindo e adaptarse a un mundo en constante cambio para lograr éxito ao longo do seu camiño emprendedor. A experiencia propón a resolución de diferentes probas e enigmas que ofrecen a oportunidade de “simular” como é o día a día dunha persoa emprendedora. O xogo artéllase nun percorrido interactivo a través dos puntos máis emblemáticos da cidade, onde estarán escondidos uns códigos QR que as persoas participantes terán que atopar para acceder a través deles á unha aplicación web. Ao acceder a esta ferramenta atoparán diferentes enigmas e probas contextualizadas coa historia da cidade que terán que resolver para poder continuar.
Skeirrum Pontevedra ten como obxectivo fomentar o coñecemento da contorna pontevedresa “dunha maneira singular e innovadora”, ao tempo que se realiza actividade física e se desenvolven capacidades como a escoita activa, a comunicación asertiva ou a orientación.
A participación é gratuíta e só require un teléfono móbil e “altas dose de imaxinación para resolver os enigmas e descubrir os segredos da cidade”, explicaron, engadindo que os grupos serán de entre 2 ata 6 persoas, que terán que rexistrarse en liña na web de Pont-Up. Esta actividade está desenvolvida e financiada desde a dirección do Pont-Up Store e conta co apoio de Abanca, Gadis e o proxecto europeo HEI4Future, no que participa a UVigo.
Emprender o camiño da internacionalización
O encontro ofrecerá tamén a oportunidade de facer un primeiro achegamento ás posibilidades de internacionalización ao alcance dos novos emprendementos galegos. Serán un total de 4 sesións: unha dedicada a orientar a emprendedoras e emprendedoras sobre os primeiros pasos necesarios para a internacionalización, outra dedicada a presentar o proxecto europeo HEI4Future, do European Institute of Innovation & Technology, e outras dúas inseridas dentro do programa Ticket2Europe, que está xestionado desde a Cámara de Comercio de Santiago e que serán impartidas en inglés: Starting Up! dirixido a alumnado da Escola Valle Inclán que están a participar no programa Erasmus+; e International Opportunities for entrepreneurs que presentará as experiencias de varios emprendementos que están participando en programas internacionais.
Un Erasmus para as persoas que emprenden
Na sesión Oportunidades internacionais para o emprendemento, a técnico da Cámara de Comercio de Santiago, Belén Mendoza, presentará o programa europeo Erasmus para Emprendedores. Este programa é unha iniciativa da UE que promove a actividade emprendedora mediante a aprendizaxe e a transferencia de coñecementos a través do intercambio transnacional de mozas e mozos emprendedores e tamén pemes. O programa creouse no ano 2009 e financiou xa máis de dez mil intercambios. A Cámara de Comercio de Santiago está a cargo da súa xestión ata o ano 2027, e será a responsábel.
Un programa que abrangue moitos máis ámbitos
Ademais están previstas tamén actividades demostrativas na carpa impartidas por algunhas das empresas seleccionadas e case sempre en formato obradoiro. Tamén se desenvolverán como en edicións anteriores os obradoiros de R enfocados a espertar a vocación emprendedora en contornas tecnolóxicas a idades temperás. Dentro do ámbito do emprendemento social, poderemos coñecer de primeira man o labor que desenvolve a asociación solidaria Publicitarios Implicados, nada para dar un servizo completo de comunicación publicitaria a micro-ONGs, plataformas de afectados ou colectivos solidarios, que non poden asumir os custes dunha axencia de publicidade. En canto ás accións de susentabilidade, a firma AirCO2, seleccionada para ocupar un dos stands da carpa, vai medir a pegada ecolóxica do encontro; e en colaboración co Concello, levarase a cabo unha plantación de árbores.
Entidades organizadoras
O Pont-Up Store é unha iniciativa da UVigo e o Grupo G4 Plus, liderada polo Campus CREA de Pontevedra, e conta co apoio da Concellaría de Promoción Económica do Concello como patrocinador principal, e tamén co respaldo da Deputación de Pontevedra, Abanca, Zona Franca e R, entre as máis de 50 entidades públicas e privadas que durante estes anos foron sumándose ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento pontevedrés e galego.
Nos labores de organización e coordinación, o encontro conta tamén coa participación da Asociación para o Emprendemento e Innovación Pont-Up Store.

PUBLICIDADE