Poñen data ao remate das actualizacións das aplicacións de Windows Phone 8.x e Windows 8/8.1

martes, 21 de agosto do 2018 Marcus Fernández

É normal pensar que os móbiles con Windows Phone 8 e 8.1 xa son cousa do pasado, pero estes dispositivos continúan a ser operativos e incluso hai compañías que os empregan profesionalmente, así como tamén tabletas e ordenadores con Windows 8/8.1, destacando ambas plataformas polo uso da revolucionaria interface moi orientada a un uso táctil, pero que Microsoft rematou desbotando ante o rexeitamento do público que reclamaba contornos informáticos máis tradicionais.
Aínda que hai anos que non saen novos trebellos con estes sistemas operativos, as súas aplicacións xa teñen data de caducidade, de xeito que as súas tendas de aplicacións deixarán de operar e só poderán actualizarse a través de Windows 10, finalizando así unha transición que non semella que precisase ser tan cauta, xa que o abandono destas plataformas foi masivo.
O vindeiro 31 de outubro será a data na que Microsoft deixará de aceptar novas aplicacións para Windows Phone 8.x e para Windows 8/8.1, aínda que poderán actualizarse as aplicacións xa publicadas. O cesamento da distribución das actualizacións para Windows Phone 8.x terá lugar o 1 de xullo de 2019 e, finalmente, a actualizacións para aplicacións de Windows 8/8.1 terán lugar o 1 de xullo de 2023.
Esta última data semella moi afastada, pero cómpre lembrar que hai un bo número de equipos profesionais baixo Windows 8/8.1 que teñen problemas para a súa actualización a Windows 10, polo que manter o seu soporte de aplicacións permitirá que teñan unha vida útil razoable.

PUBLICIDADE