Política Lingüística e a CRTVG colaboran na publicación de varios DVD en galego

martes, 4 de novembro do 2008 Marcus Fernández

Benigno Sánchez, Marisol López e José Manuel Blanco na presentación dos novos DVD en galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Compañía da Radio e Televisión de Galicia asinaron un acordo para incrementar a produción e promoción de obras audiovisuais en lingua galega, dirixidas principalmente ao público infantil e xuvenil, que se concretará entre outras cousas coa saída ao mercado nos vindeiros días de 8 películas dobradas ao galego pola TVG, a longametraxe Os vixilantes do Camiño, a serie de programas divulgativos Planeta Fantasía e a serie documental Historias de Galicia, en formato DVD, que se distribuirán a través de expositores instalados en 177 puntos de venda repartidos por toda a xeografía galega.
No acordo de colaboración asinado, a CRTVG comprométese a realizar todas as xestións necesarias para a produción, promoción e xestión de dereitos de propiedade intelectual e industrial, entre outros, dos produtos audiovisuais mencionados, así como a difundir informacións relativas a esas obras. Mentres tanto, Política Lingüística adquire o compromiso de facilitar apoio e asesoramento técnico en materia de aspectos lingüísticos e terminolóxicos relacionados coas iniciativas comprendidas nos convenios.

PUBLICIDADE