Política Lingüística e Xuventude entregan os premios da edición 2022 de Lingua de namorar

venres, 6 de maio do 2022 S. P.

O Pazo de San Roque en Santiago acolleu este venres 6 de maio a entrega do premios da edición 2022 do certame literario en liña Lingua de namorar, impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude co obxectivo de “fomentar a lingua galega nas relacións entre iguais, nomeadamente a través das tecnoloxías da comunicación, e da transmisión do afecto entre a mocidade”.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, salientou que o obxectivo desta undécima edición foi centrarse “na importancia da dinamización da lingua galega entre a mocidade e, especialmente, nas redes sociais”.
Pola súa banda, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, salientou que Lingua de Namorar é “un certame consolidado entre a mocidade que, ademais de promover a lingua galega, tamén recoñece o talento creativo que atesouran os mozos galegos”.
A xornalista Esther Estévez, popular divulgadora da CRTVG centrada no ámbito da lingua galega, foi a encargada de conducir a entrega de premios a cinco dos sete gañadores das tres categorías de participación, que acudiron arroupados polas súas familias.
A gañadora da categoría A, de 14 a 19 anos, foi Carmen Fernández (Ourense), coa mensaxe Á flor baixo a neve. Lucas Paz (A Coruña) e Laura Sande (A Coruña) recibiron o segundo e terceiro premio con Amor contraditorio e Desde Vilamor ata Fisterra, respectivamente.
Na categoría B, de 20 a 35 anos, os gañadores foron, do primeiro ao terceiro, Pedro Rodríguez (Nigrán, Pontevedra), con O amor de iglú; Ania Ferreira (Vigo, Pontevedra), con Dúas partes que son unha; e Andrea López (Pantón, Lugo), con Filautía.
A premiada na categoría C, vixente desde 2021 para idades de 14 a 35 anos e exclusiva para Instagram, foi Sofía Muñiz (Cambados, Pontevedra) con #Pulsión.
Os premiados e premiadas recibiron, segundo o posto acadado, un patinete eléctrico Youin You-Go L, un tocadiscos Nevir retro e un reloxo intelixente con esfera curvada 2.5 D, ademais dun lote de libros de literatura e poesía galega e un diploma.
Tanto as mensaxes gañadoras como os finalistas daranse a coñecer publicamente no web do certame e nas contas de Instagram de @xuventudegalicia e @linguagalega.

PUBLICIDADE