Política Lingüística e Ronsel de Ideas lanzan un conto dixital interactivo con motivo do Día da Lingua Materna

martes, 21 de febreiro do 2023 S. P.

Co gallo da celebración este martes (21 de febreiro) do Día Internacional da Lingua Materna, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración con Ronsel de Ideas, lanzou o xogo familiar Ti es a chave da primavera, un conto dixital interactivo que ten como obxectivo concienciar e sensibilizar sobre a importancia de legar a lingua ás novas xeracións, buscando garantirlle un futuro á nosa lingua a través da súa presenza activa nas crianzas.
Os contidos deste proxecto, que inclúen o conto dixital do mesmo título, Ti es a chave da primavera, así como un amplo abano de actividades interactivas adicionais relacionadas, xa están dispoñíbeis totalmente de balde no Portal da Lingua Galega (Política Lingüística).
Con gallo da súa presentación e lanzamento, o secretario xeral Valentín García, indicou que estes contidos, xunto con outros que se presentarán en datas vindeiras, “veñen a enriquecer o repositorio de recursos destinados á infancia e á transmisión interxeracional do galego, tanto na familia como no ensino”. Valentín García agradeceu o traballo de Roberto Noguerol, de Ronsel de Ideas, empresa responsábel do proxecto especializada na elaboración de materiais e contidos divulgativos nas áreas de cultura, educación e lingua.
Tamén explicou que o proxecto está concibido para a rapazada da Educación Primaria, que se atopa “nun momento formativo moi importante de aprendizaxe, tanto desde o punto de vista da competencia coma do asentamento lingüístico”.
Ti es a chave da primavera inclúe un conto dixital e recursos interactivos adicionais en tres áreas, tituladas Dos xograres ao trap, Un idioma para percorrer o mundo, e Unha lingua de récords.
Tomando como fío condutor o lema Mil Primaveras máis inmortalizado no escrito do mesmo nome polo noso escritor Álvaro Cunqueiro, os materiais teñen o obxectivo de facer ver aos nenos e nenas que “son unha peza fundamental do futuro do idioma, ao tempo que se quere reforzar e concienciar as familias na idea de que a transmisión da lingua é unha chave para o futuro dos seus fillos e fillas”.
Ti es a chave da primavera forma parte da iniciativa TeCe Redes en galego da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades é un repositorio de proxectos dixitais e servizos esenciais, creado ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22, co fin de fornecer un programa de dinamización lingüística e de transmisión xeracional dirixido ao público infantil e xuvenil, nas diversas interaccións verbais e escritas da súa vida cotiá e coas súas familias.
No marco deste programa realizáronse tamén ducias de actuacións teatrais, musicais ou exposicións que involucraron milleiros de persoas e que foron froito das propostas de profesionais do sector cultural, creativo e artístico galego.

PUBLICIDADE