Política Lingüística e RAG lanzan o 6º Toponimízate e fan balance de éxitos: preto de 70.000 topónimos recuperados

luns, 9 de outubro do 2023 S. P.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, presentaron na mañá deste luns 9 de outubro a sexta edición do programa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, que, no marco dos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad, impulsados pola Xunta de Galicia e coordinados pola RAG, chega este outono a unha ducia de concellos das catro provincias galegas cun dobre obxectivo: achegar ao público a orixe e significado dos topónimos do seu municipio e procurar novas persoas colaboradoras na plataforma Galicia Nomeada, que lle permite á cidadanía contribuír á recollida de topónimos e microtopónimos que corren o risco de perderse.
Sobre a aplicación Galicia Nomeada, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades quixo poñer de relevo o apoio da Xunta de Galicia, “pois é un proxecto que está a traspasar as fronteiras galegas, xa que diversas comunidades autónomas contactaron con nós para poder replicala e implicar a súa poboación como o estamos a facer nós”.
Ademais, Valentín García repasou as cifras desta plataforma na que, desde a súa creación a finais do 2019, unhas 3.200 persoas colaboradoras achegaron preto de 70.000 microtopónimos, “o que salienta a implicación dos galegos e galegas na recuperación da toponimia, un motivo de orgullo para nós e unha motivación para seguir traballando neste campo con proxectos como este”.
Pola súa banda, o presidente da RAG destacou que este programa “procura implicar todos os axentes sociais, desde a veciñanza aos centros de ensino, para entre todos recuperar o noso patrimonio e deixármolo de legado para os que veñen detrás”.
No acto de presentación, que tivo lugar na Fundación Luis Seoane na Coruña, tamén participou o coordinador técnico de Galicia Nomeada, o filólogo da Real Academia Galega Vicente Feijóo, quen será o encargado das accións formativas. Coas novas charlas previstas para este outono, Toponimízate sumará xa 82 concellos visitados ao longo das súas seis edicións.
Calendario e contido das charlas
Segundo sinalaron Freixanes e García, os 12 concellos aos que chegará Toponimízate 2023 comparten unha característica común: en ningún deles foi completado o traballo do proxecto Toponimia de Galicia, polo que aínda non se recolleu unha parte importante da microtoponimia do seu territorio. Ademais, dous deses 10 concellos, Becerreá e Maceda, non incluíron aínda ningún microtopónimo na aplicación Galicia Nomeada, o que aumenta a urxencia de levar a cabo a recolleita.
Durante as charlas, Vicente Feijóo incidirá na riqueza toponímica que posúe todo o territorio galego e dará conta do significado dos nomes de parroquias e aldeas de cada concello, para o que conta coa colaboración do académico de número Gonzalo Navaza. No tocante ao funcionamento de Galicia Nomeada, o público aprenderá como empregala tanto para incorporar nomes de corredoiras, chousas ou penedos como para rexistrar lendas ou outras tradicións orais vinculadas a eses lugares.
O concello de Friol, en Lugo, será o escenario escollido para abrir a campaña este mércores ás 12,30 h no Centro Sociocultural. Despois, Toponimízate 2023 percorrerá entre outubro e decembro Becerreá, Vila de Cruces, Tui, Trasmiras, Padrón, Amoeiro, A Pobra do Brollón, Dumbría, Maceda, Ponte Caldelas e Narón.
A axenda completa cos horarios e lugares das xeiras pode consultarse na axenda de Cultura e no Portal da Lingua Galega.

PUBLICIDADE