Política Lingüística "disfraza" a campaña E logo! e convoca un concurso de fotografía en liña

xoves, 15 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

Mesmo nestas datas de Antroido (ou Entroido) os galegos semella que seguimos coa teima de esquecer o noso para subirnos a unha carroza vestidos de pavos reais e con música reguetón (que tampouco parece mala idea, sempre que nos acaia ben o traxe de raíña canaria, claro). Se cadra é nun intento de poñer en valor o que xa temos onde hai que encadrar as novas iniciativas da Secretaría de Política Lingüística arredor da web www.galegoelogo.com. Trátase, en palabras do propio departamento, de promover a lingua galega coa chegada do Entroido (e viceversa) e, entre outras cousas, poñendo a disposición dos internautas a opción de “disfrazar” o logotipo da campaña, logo de descargalo.
Ademais, Política Lingüística vén de presentar un concurso de fotografía (Enfoca o galego) co que se achegarán galardóns a aquelas imaxes que “simbolicen a lingua galega”. O prazo do certame ficará aberto até o último día de setembro e as propostas serán votadas e comentadas polos internautas, co fin de facer unha selección final que logo será estudada por un xurado. O autor recibirá como premio unha cámara fotográfica réflex dixital.
Todas as fotografías finalistas formarán parte dunha exposición que se organizará a finais deste ano.

PUBLICIDADE