Política Lingüística concede axudas á edición de 55 recursos didácticos curriculares impresos e dixitais

luns, 23 de agosto do 2021 S. P.

A Xunta, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, vén de conceder as axudas á edición de recursos didácticos curriculares en galego, destinadas a un total de 55 proxectos de empresas do sector editorial. A convocatoria está dotada con 200.000 euros para impulsar o uso do galego no ensino regrado non universitario.
Os proxectos subvencionados teñen como obxectivo “a elaboración e edición en lingua galega dos recursos didácticos curriculares e complementarios destes, realizados en soportes impresos ou dixitais, incluíndo a elaboración de material didáctico para a formación regrada de adultos”.
Á hora de outorgar as subvencións consideráronse criterios de concesión “a calidade da obra, a relación dos contidos cos intereses e coñecementos do alumnado, o tratamento dos valores democráticos, a adecuación á realidade galega e ao nivel académico do alumnado e a calidade lingüística; a orixinalidade da obra, primando as de creación propia sobre as adaptacións ou traducións e, por último, o feito de que se trate de materiais curriculares destinados á Formación Profesional Específica ou ao alumnado con necesidade específicas de apoio educativo”.
Dinamizar o uso do galego e apoiar o sector editorial
O obxectivo desta convocatoria é fomentar a elaboración e a publicación de recursos didácticos en lingua galega para facilitar o uso vehicular desta lingua nas aulas e a súa aprendizaxe por parte do alumnado, ao tempo que se favorece o tecido da industria editorial galega.
A liña de axudas desenvolve as disposicións legais establecidas no Decreto 79/2010, do 20 de maio, polo que se regula o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia; na Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia e no Plan xeral de normalización da lingua galega sobre as obrigas da Xunta respecto á oferta de materiais didácticos de calidade en lingua galega.

PUBLICIDADE