Política Lingüística certifica a súa aposta pola teleformación

venres, 16 de febreiro do 2018 Redacción

A teleformación en materia de ensino de galego está aquí para ficar. Vímolo os días pasados co anuncio da ampliación dos cursos dixitais para obter o Celga (estreándose o nivel Celga 4 nesta vertente en liña), e hoxe confirmou esta liña tecnolóxica de aprendizaxe o propio secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na presentación do Plan de formación en lingua galega do seu departamento para o presente ano. Segundo fixo saber, este plan chegará a máis de 7.000 persoas e incluirá a devandita formación Celga, ensino en linguaxes administrativa e xurídica e formación no exterior.
Valentín García, acompañado de María Lourdes Batán, subdirectora xeral de Política Lingüística, salientou que o plan abrangue 70 cursos preparatorios das probas Celga, organizados, ben directamente pola secretaría, ben coas escolas oficiais de idiomas da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. A eles hai que sumar os que se organizan ao longo do ano en colaboración con concellos da Rede de Dinamización Lingüística. En total, haberá máis de 2.000 prazas a disposición da cidadanía, que poderá optar pola modalidade presencial, ou, no caso da preparación para os niveis Celga 1 e Celga 4, pola teleformación. Segundo recalcou o secretario xeral, a aposta polo ensino nas redes é unha das novidades de 2018, “pois por primeira vez é posíbel facer en liña cursos encamiñados a preparar este último nivel”. A intención de Política Lingüística, dixo, “é seguir ampliando a oferta a distancia nos vindeiros anos”.
A formación en lingua galega para adultos contempla tamén máis de 50 cursos de linguaxes administrativa e xurídica (29 deles en liña) que se celebrarán en colaboración coa EGAP, coas escolas oficiais de idiomas e, nalgúns casos, con outras institucións, como a Deputación da Coruña, os concellos ou o Colexio de Avogados de Santiago. Con eles, a secretaría xeral de Política Lingüística aspira a chegar a máis 1.300 traballadores e traballadoras das administracións públicas.
No ámbito universitario, os convenios entre a Consellería de Cultura e Educación e as tres institucións de educación superior de Galicia permitirán organizar este ano un total de 25 cursos dirixidos a alumnado (galego ou estranxeiro) ou persoal docente e investigador, “o que incrementa en 750 prazas a oferta incluída no Plan de formación para 2018”, confirmou o secretario xeral.
A dita oferta complétase coa formación en lingua galega ofrecida fóra da nosa xeografía. Esta inclúe o Programa de promoción da lingua galega no Bierzo e Sanabria, froito da colaboración entre as consellerías de educación das comunidades galega e castelá-leonesa. Tras a recente incorporación do CRA Cubillos del Sil, este programa chega a 19 centros educativos e máis de 1100 estudantes de infantil, primaria, secundaria e escola oficial de idiomas. “A eles”, sinalaron, “hai que sumar un número crecente de alumnos e alumnas de galego no IE Cañada Blanch de Londres, con 87 matriculados en 2018, ou os colexios Castelao de Caracas (con case 400 estudantes de galego) e Santiago Apóstol de Bos Aires (500 alumnos e alumnas)”.
O ensino do galego no exterior está presente tamén nas universidades a través de 35 centros de estudos galegos que lle imparten docencia desta lingua a máis de 900 estudantes de Europa e América. O Plan de formación para 2018 prevé a creación doutros 4 máis en universidades de Bos Aires, A Habana, Cracovia e Edimburgo.

PUBLICIDADE