Política Lingüística achega 11 bolsas de formación para os proxectos de investigación do Centro Ramón Piñeiro

luns, 7 de agosto do 2023 S. P.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística que dirixe Valentín García vén de convocar por un importe total de 261.360€ un total de 11 bolsas de formación nos proxectos de investigación que se desenvolven no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente da dita Secretaría Xeral (Consellería de Cultura e Educación).
Con esta acción, o dito departamento busca fortalecer o seu compromiso coa investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica sobre a lingua galega ao tempo que contribúe á especialización das persoas universitarias mediante a súa participación nalgún dos proxectos desenvolvidos na actualidade polo Centro Ramón Piñeiro, de importante vertente tecnolóxica: Tesouro paleogalaico (TPGal), Corpus de referencia do galego actual (CORGA), Corpus documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA), Bibliografía Informatizada da Lingua Galega (BILEGA), Terminoloxía científico-técnica; Informes de literatura, Recuperación de textos literarios e xornalísticos galegos, Lírica profana galego-portuguesa, BiRMED: Bibliografía de Referencia do Arquivo Galicia Medieval, Dimensións da identidade colectiva de Galicia e Legados literarios.
As persoas interesadas en concorrer á devandita convocatoria poderán presentar as súas solicitudes por vía telemática a través da sede electrónica da Xunta ata o 1 de setembro. Unha vez seleccionadas, comezarán as súas actividades de formación aproximadamente o 1 de decembro de 2023 e rematarán, en calquera caso, o 30 de novembro de 2025.
Poderán solicitar estas bolsas as persoas licenciadas ou graduadas universitarias que, ademais de reunir os requisitos específicos para cada proxecto, posúan a nacionalidade española ou dun estado membro da Unión Europea; acrediten o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou CELGA 4 (agás os que acrediten estar en posesión do título de licenciatura en Filoloxía Galega ou equivalente); non resultaran beneficiarios dunha bolsa en concursos anteriores ou contratos co Centro Ramón Piñeiro, e teñan unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 6,5 puntos.
Unha comisión de valoración será a encargada de examinar as solicitudes presentadas polas persoas candidatas conforme o seguinte baremo e criterios: o expediente académico puntuará ata 10 puntos; a formación complementaria ata 11 puntos; a presentación de comunicacións en congresos relacionados co obxecto da bolsa, ata 3 puntos; e as publicacións individuais e participación en publicacións colectivas de carácter científico, ata un máximo de 3 puntos.
A información completa pode consultarse no Diario Oficial de Galicia e no Portal da Lingua Galega.

PUBLICIDADE