Polémica ao redor da videoconferencia móbil a través de Fring

luns, 12 de xullo do 2010 Marcus Fernández

Coa presentación do iPhone 4 anunciaron FaceTime, unha aplicación que permite realizar videoconferencias dende o móbil, pero que inicialmente restrinxía tal funcionalidade a conexións Wi-Fi, limitación que vén de solucionar unha aplicación alternativa, Fring, que achega as comunicacións de vídeo non só ao iPhone 4, senón tamén a terminais co sistema operativo Android e con Symbian S60, e pode operar a través de 3G, mellorando as posibilidades desta solución tecnolóxica, ao aplicala a un maior número de dispositivos e de redes de comunicacións. A versión para iPhone vén de incorporar a posibilidade de funcionar en segundo plano baixo iOS 4.
Amais, Fring é compatible coas redes das aplicacións de mensaxería instantáneaMSN Messenger, Google Talk, ICQ, SIP, Twitter, Yahoo!, AIM e Skype, pero con esta última está a vivir un momento de incerteza, pois veñen de desactivar o soporte de Skype que permitía facer as videoconferencias, no que dende Fring aseguran que é un bloqueo por parte de Skype, aínda que a xente de Skype ten unha versión distinta do asunto, sostendo que non bloquearon realmente a Fring (senón que foi Fring quen eliminou tal prestación), aproveitando para argumentar que dende Fring incumpriron as normas de uso de Skype, danando a súa imaxe e a súa marca.

Fring e Skype dan distintas versións do seu enfrontamento


É de agardar que nos vindeiros días coñezamos máis detalles sobre esta polémica que principalmente prexudica aos usuarios, ao pecharlle posibilidades de comunicación.


Vídeo de presentación da videoconferencia móbil a través de Fring

PUBLICIDADE