Podería aparecer un iPhone nano antes do Nadal

luns, 4 de agosto do 2008 Marcus Fernández

O iPhone nano podería ter unha aparencia semellante á que amosa este deseño conceptual

Ao pouco de saír o iPhone apareceran rumores de que Apple podería replicar as súas liñas de reprodutores multimedia iPod no seu teléfono, de xeito que habería un iPhone nano e un iPhone shuffle, pero a empresa de Cupertino continuou a apostar por un único dispositivo para posicionalo no mercado, pero agora que modificaron a súa política de comercialización, e adoptaron unha política semellante a outros fabricantes de móbiles, a posibilidade de que apareza un iPhone nano, non só máis pequeno, senón que tamén máis económico, cobra peso, e segundo The Daily Mail, podería ser unha realidade antes do Nadal.
O novo terminal telefónico podería chegar ao Reino Unido a través de O2 (filial de Telefónica) a 150 libras esterlinas (189 euros) para os usuarios de tarifas Pay & Go, pois para este perfil de usuario o iPhone 3G é un produto excesivamente caro.
De todos os xeitos hai que ter en conta que Apple non declarou nada sobre o novo móbil, polo que podería non ser máis que un rumor, coma moitos outros relativos ao iPhone (e que en moitos casos resultaron ser totalmente falsos). Non esquezamos que crear un iPhone de distinto tamaño podería ser moi complexo, non só a nivel de hardware, senón tamén a nivel de software, pois un cambio de resolución da pantalla racharía a compatibilidade coas aplicacións a App Store. Entendemos así que de existir un iPhone nano sería un terminal de prestacións moito máis reducidas e que perdería unha das características máis representativas do iPhone: a súa grande pantalla.

PUBLICIDADE