Playboy estreará aplicación para iPad en marzo

mércores, 19 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

Os contidos da aplicación de Playboy para o iPhone están censurados

A política censora de Apple no tocante aos contidos adultos na App Store provoca situación tan absurdas como que a aplicación da revista Playboy para o iPhone non conteña imaxes de espidos, pois a editora da revista preocúpase de eliminar ese tipo de contidos da súa edición dixital móbil para poder cobrar 0,79 euros por cada exemplar descargable da publicación, pero se atendemos ao Twitter do redactor xefe de Playboy, Hugh Hefner, a cousa vai mudar considerablemente, pois a primeiros de marzo van lanzar unha aplicación para iPad que abrirá o acceso tanto aos novos número da revista masculina como á súa hemeroteca, e os seus contidos non estarán censurados, o que abre moitas incógnitas sobre os futuros contidos na plataforma de distribución de Apple. ¿Permitirá a compañía de Cupertino novos contidos eróticos na súa tenda de descargas ou limitará tal privilexio a grandes editores coma Playboy? ¿Onde trazarán a separación entre os contidos eróticos e pornográficos? Un tema que sen dúbida vai dar que falar nos vindeiros meses.
ACTUALIZACIÓN: Un voceiro de Playboy detallou que non contarán con aplicación para iPad, senón unha páxina web adaptada ao trebello de Apple, de xeito que poderán evitar así a censura da empresa de Steve Jobs.

PUBLICIDADE