PlayNatureWorld foi o proxecto gañador no Startup Weekend Galicia

luns, 7 de xuño do 2010 Marcus Fernández

Carlos Granados anunciando os gañadores do Startup Weekend Galicia nunha imaxe tomada por Víctor Gómez

A pasada fin de semana Santiago de Compostela acolleu o primeiro Startup Weekend Galicia no ITE Caixa Galicia, organizado por Carlos Granados (Planetapluton.com), Javier Varela (The Orange Market), Iago Soto (Quobis) e María Encinar (Iniciador Galicia), que contribuíron na achega deste tipo de evento fundado en 2007 por Andrew Hyde e que procura a concentración dun grupo de emprendedores e profesionais con talentos diversos para seleccionar unha idea, desenvolver un produto e lanzar unha empresa valéndose da experiencia de traballo en equipo e da competición con outros participantes.
Este encontro foi todo un éxito no que a número de participantes se refire, e as ideas que naceron o primeiro día foron moi interesantes, aínda que finalmente competiron só 5 proxectos: My Route (un sistema de cálculo de rutas óptimas empregando o transporte público), PlayNatureWorld (xogo en tempo real valéndose da realidade aumentada), Papiroff (editorial de contidos educativos en soporte electrónico), Ibuky («un Spotify de libros, revistas e xornais») e Tú Construyes (web de venda de arquitectura de baixo custo e sustentable).
Os participantes expuxeron estas ideas, presentando análises económicas das mesmas, simulacións, páxinas web, imaxes corporativas… elaborando todo este material en apenas 48 horas, o que demostra a súa creatividade e capacidade de traballo, resultando gañador o proxecto PlayNatureWorld, que entendeuse como unha idea moi innovadora e orixinal, que finalmente poderá presentarse no evento Hit Barcelona que terá lugar este mesmo mes, e no que participarán múltiples investidores e representantes de empresas coma Google ou Foursquare.


Vídeo de presentación dos proxectos que competiron no Startup Weekend Galicia

PUBLICIDADE