Play-Doc abre hoxe as súas portas en Tui coa proxección de documentais de todo o mundo

mércores, 21 de marzo do 2007 Raquel Noya

O Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc, que unha vez máis nos achega a Galiza o máis innovador deste xénero dende dentro e fóra das nosas fronteiras, abre hoxe as súas portas. Ás 8 da tarde, o Teatro Principal da cidade (que será a sede do certame) acollerá o acto inaugural, da man do director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará Torres, do Director de Comunicación Audiovisual, Xosé Manuel Fernández e do alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, xunto cos directores do Festival, Sara García e Anxo Sánchez.
Nesta terceira edición, o Play-Doc trae a Tui un total de 27 documentais que pasaron a selección de entre os máis de 500 recibidos. Os dous primeiros en proxectarse, a continuación do acto inaugural serán An ordinary family que compite na sección de Longametraxes e que será presentada polo seu director Fredrik Gertten e ás 22.30 h, a proxección sueca Bullshit, que ten como protagonista a Vandana Shiva, nomeada ó Premio Nobel da Paz de 2007 e que tamén será presentada pola súa directora Suzanne Khadalian.
Asemade, hoxe vaise celebrar a inauguración da exposición de Ron English que creou especialmente para a ocasión cinco valas publicitarias que se atopan distribuídas pola cidade. O propio Ron English, será o responsable de colocar unha delas xunto ó edificio da Área Panorámica.
O novo e independente festival galego aposta este ano por un ciclo dedicado á globalización e outro ó medio ambiente, ós que se suma Foco Galicia, unha sección na que concorren cinco producións galegas.
Nesta terceira edición, abrirase tamén unha fiestra ó programa DOC´s Galicia, na que se proxectarán algúns dos seus documentais e, ademais, en compromiso co apoio ós novos realizadores galegos, Play-Doc participará directamente na produción dunha película, resultante do taller Play-Avid.doc, concibido como un proceso de selección permanente, no que os gañadores terán a opción de converter o seu proxecto nunha longametraxe documental. Os cinco equipos finalistas deste ano son Eloy Enciso, Uxía Rodríguez Núñez, Jacobo Sanmartín e Pablo Gómez, Pela do Álamo e Joaquín Mateo e Paula Marcuño, os que terán que realizar un curto documental que gravarán e montarán en Tui, cada un deles sobre un tema que, polo de agora, descoñecen.
Tampouco nesta edición faltará a música, con actuacións en directo ó cargo de Ljiljana Buttler e Mostar Sevdah Reunion, protagonistas dos documentais presentados na sección musical.
Cómpre salientar que polas edicións anteriores do certame chegaron a pasar 12.000 espectadores. Esta festa do audiovisual xa ocupa hoxe en día un lugar máis que salientable entre os eventos cinematográficos que xiran arredor dos documentais e a nivel internacional.

PUBLICIDADE