Pixel y Dixel sortea un monitor LG de 23 polgadas entre os lectores

venres, 10 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

O caderno tecnolóxico Pixel y Dixel vén de pór en marcha o sorteo dun monitor de última xeración entre os lectores, dándose a casualidade de que o único requirimento que se lles pide é facer uso dunha das principais vantaxes da Rede participativa (deixando así constancia de que o leron): rexistrar un comentario referente a un prognóstico deportivo concreto. Á afortunada ou afortunado agárdalle a tecnoloxía que mellor sabe: a que vén de agasallo. Máis polo miúdo, unha pantalla LG Flatron do modelo W2353V de 23 polgadas.
Segundo explican os responsables da web, trátase dun monitor de formato 16:9, FULL HD (1920 ×1080 píxeles), con contraste dinámico 50.000:1, e conexións VGA, DVI e HDMI. Asemade, é unha pantalla con tecnoloxía Smart, o que entre outras cousas significa que o brillo da imaxe se incrementa ou ben diminúe en función do alumeada que estea a contorna.
O seu tempo de espera é de 2 milisegundos, polo que semella ben axeitada para unha consola ou un computador.
Como dixemos, o único que se pide para participar é deixar un comentario no caderno sinalando o prognóstico para o podio do vindeiro Gran Premio de Alemaña que se vai celebrar a próxima fin de semana.

PUBLICIDADE