Pilar López será a nova presidenta de Microsoft Ibérica

luns, 2 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Microsoft sorprendeu hoxe ao anunciar que Microsoft Ibérica mudará a súa presidencia o vindeiro 30 de xuño, cando María Garaña Corces pasará a ser substituída oficialmente por Pilar López Álvarez, coincidindo a súa toma de posesión do cargo co peche do exercicio fiscal da compañías. María Garaña pasará a ocupar un posto de máxima responsabilidade na sede central de Microsoft nos EE.UU., do que darán detalles máis adiante.
Pilar López forma parte de Telefónica dende 1999, ocupando até o momento o posto de Global Simplification Director, e pasando a incorporar a Microsoft o vindeiro 1 de xuño. Anteriormente tamén ocupou postos diversos en J.P. Morgan en Madrid, Londres e New York.
Pola súa banda, Garaña levaba seis anos e medio presidindo Microsoft Ibérica, período no que a compañía rexistrou un crecemento de negocio en España superior ao do mercado, e non só consolidou a posición de Microsoft en distintos segmentos, senón que tamén colleu o temón do cambio de rumbo que a compañía adoptou nos últimos meses, pasando a centrarse no contorno móbil e na nube.

PUBLICIDADE