Pilar Farjas presentou un informe sobre a planificación do Expediente-e no SERGAS

xoves, 5 de maio do 2011 Redacción

A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, informou no Consello da Xunta de hoxe da aplicación Expedient-e único do profesional, que permitirá centralizar e unificar os méritos de todas e todos os traballadores do sistema sanitario público galego, a través da xestión e o tratamento eficiente do seu curriculum vitae e que xa está na segunda fase de desenvolvemento e a partir de xuño todos os profesionais poderán acceder a ela a través de páxina web.
Co Expedient-e os méritos relacionados coa experiencia profesional, formación continuada e posgrao, docencia e investigación, así como outras actividades, serán achegados unha única vez polo profesional, e entenderanse presentados para todos os procesos xestionados na área de recursos Hhumanos en que o profesional queira participar, o que elimina a necesidade de presentación de documentación por cada convocatoria.
Ademais, conseguirase unha resolución máis áxil dos procesos que impliquen a baremación de méritos (traslados, contratación temporal, procesos selectivos, acomplamentos internos, carreira profesional, entre outros), así como a redución das reclamacións e un importante aforro de papel e outros recursos materiais.
Outra das vantaxes será a modernización da xestión e un incremento da calidade do servizo aos profesionais, posto que o sistema contará con toda a información actualizada sobre o seu currículum vitae, permitindo a cada traballador facer un seguimento dos procesos en que decide intervir a través de consulta do estado dos seus méritos e conseguindo, deste xeito, un sistema áxil e transparente.
En consecuencia, o Expedient-e único terá un impacto positivo non só para os 38.000 profesionais que traballan na Administración sanitaria, senón, tamén, para aquelas persoas que se atopen nas listas de contratación temporal con expectativa de emprego.
A conselleira de Sanidade explicou as fases de desenvolvemento da operativa e avanzou que a aplicación terá visibilidade antes de rematar o primeiro semestre do ano e xa está previsto que as novas listas de contratación temporal se xeren conforme este novo sistema no último trimestre do ano. Os centros do Servizo Galego de Saúde xa teñen instrucións para pór en marcha a nova operativa.

PUBLICIDADE