Piden que Twitter non elimine as contas de usuarios falecidos

mércores, 27 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Nos últimos días acadaron relevancia as normas de Twitter relativas ás contas inactivas, xa que numerosos usuarios recibiron avisos informándoos de que se non iniciaron sesión nos últimos 6 meses dende Twitter poden eliminar a súa conta «de xeito permanente debido a unha inactividade prolongada». Esta medida facilitaría a liberación de numerosas contas de usuario, o que inicialmente pode verse como unha limpa vantaxosa para a comunidade en xeral, pero algúns deron conta dunha preocupación: que acontece coas contas de usuario de persoas que faleceron.
De eliminarse a conta dun usuario falecido, podería darse o caso de que outra persoa empregase o mesmo nome de usuario no futuro, o que pode chegar a parecer unha suplantación de identidade, así como desvirtuar numerosas citas ao usuario anterior, polo que non faltan voces que piden que Twitter permita conxelar as contas de persoas falecidas como tamén permiten en Facebook.
En vista deste problema, incluso un traballador de Archive.org, Jason Scott, anunciou The Twittering Dead, unha iniciativa a través da que reciben solicitudes nas que dan conta de usuarios de Twitter falecidos para, ante o perigo do borrado das súas contas, facer unha copia de seguridade para manter un arquivo da súa actividade en Twitter, de xeito quede rexistrada para a posteridade.
En vista da reacción que está a ter o público parece razoable que Twitter mude o seu xeito de proceder en breve, e permita converter contas de usuario inactivas por falecemento en contas de usuario conmemorativas.

ACTUALIZACIÓN: Finalmente dende Twitter escoitaron as reclamacións do público e explicaron que o borrado de contas estaba limitado á Unión Europea por mor do cumprimento da lexislación de protección de datos, e tras caer na conta do problema que crearía a eliminación de contas de usuarios falecidos aseguran que non borrarán ningunha conta até que creen un mecanismo para mudar certas contas inactivas en contas conmemorativas.

PUBLICIDADE