Piden en Madrid a defensa dos usuarios da Internet

luns, 25 de maio do 2009 Marcus Fernández

A Asociación de Internautas saíu ás rúas madrileñas este domingo para defender «a neutralidade da Rede», reivindicar os dereitos civís, protestar contra o canon dixital, esixir un ADSL máis barato… e protestar contra a actual ministra de Cultura, Ángeles González-Sinde, o que non foi visto cos mesmos ollos por todos os activistas da Internet, e de xeito as adhesións á mobilización foron menos das agardas, pois denunciouse que era un acto de carácter político promovido por entidades afíns ao Partido Popular.
O éxito da convocatoria foi relativo (xuntáronse unhas 300 persoas) polo que podemos entender que non ten moito sentido mobilizar no mundo real á xente que se move pola Internet, e moito menos centrándose nun lugar físico en concreto (cando os internautas están espallados por toda a xeografía española). Posiblemente o medo á politización do acto afectou negativamente ao mesmo, pero as demandas expostas estaban claras e foron repetidas en moitos foros durante os últimos meses, polo que a preocupación sobre a defensa dos usuarios da Internet é evidente, e resulta lamentable que teña que saírse á rúa para esixir á clase política que defenda aos cidadáns fronte a operadoras de telecomunicacións e entidades de xestión de dereitos de autor (entre outras).

PUBLICIDADE