Piden 250 millóns de dólares a Twitter por vulneracións de copyright

xoves, 15 de xuño do 2023 Marcus Fernández

Un grupo de 17 editoras musicais veñen de presentar unha demanda contra Twitter por violación de copyright dunhas 1.700 cancións, solicitando 250 millóns de dólares para resarcir os danos provocados. A demanda presentada no Tribunal do Distrito Federal en Nashville sostén que Twitter facilita que os seus usuarios publiquen música na súa plataforma sen permiso, e sen ter pechado un acordo de licenzas entre Twitter e a industria musical como si teñen outras plataformas sociais (a través dos que compensan economicamente polo uso da música por parte dos usuarios).
A demanda sostén que Twitter é a meirande plataforma social que rexeitou completamente chegar a un acordo de licenzas para os millóns de cancións xestionadas pola National Music Publishers’ Association (NMPA). Tamén detallan casos de publicacións con centos de milleiros de reproducións nos que se vulneraba o copyright, así como os intentos dos editores musicais de notificar a Twitter das vulneracións do copyright para a eliminación do contido ilegalmente publicado en virtude dun protocolo establecido pola Digital Millennium Copyright Act, que non se atenderían dilixentemente (nuns casos o borrado realízase con moita demora, e noutros non chegaría a producirse).
A NMPA inclúe na súa reclamación 300.000 chíos publicados dende decembro de 2021 nos que se infrinxiría o copyright de cancións do seu catálogo, pedindo en compensación unha cantidade económica que sería claramente superior ao que podería terlle custado a Twitter chegar a un acordo de licenzas polas boas (comentan que por 100 millóns de dólares/ano poderían ter permitido o uso de música protexida).

PUBLICIDADE