Photovine proponse como unha nova plataforma para compartir fotografías

luns, 18 de xullo do 2011 Marcus Fernández

Nos últimos días pululaban distintos rumores sobre Photovine, especialmente por estar rexistrado o seu nome de dominio a nome de Google, e finalmente vaise vendo que estaremos ante unha nova ferramenta social ao redor dos móbiles e as fotografías, segundo podemos ver nun vídeo que da a entende que o servizo o que busca é que os usuarios sementen as súas fotografías en base a frases para que medren como vides, nunha curiosa analoxía que podería gañar a simpatía do público.
A idea de Photovine consiste en compartir fotografías cunha frase (do estilo «mirade o que fixen a fin de semana» ou «o amor da miña vida»), o que formaría unha vide, á que o resto de usuarios engadan fotografías que consideren que encaixan coa temática, creando un mimetismo que busca socializar dun xeito creativo e divertido.
Enténdese así que non estamos a falar dunha plataforma para compartir imaxes con parentes e amigos, senón dentro dun ecosistema de seu considerado público, polo que hai que ter en conta que todo o que se comparta nesta plataforma estará dispoñible para calquera outro usuario (sexa ou nono o noso amigo no servizo).
Photovine sustentarase na idea de comunidade na que os usuarios poderán etiquetar imaxes e usuarios como impropios, pasando así a un proceso de supervisión por parte dos responsables do servizo.


Vídeo promocional de Photovine

PUBLICIDADE